CulturaCulturaÚltima hora

Frei Gonçalo Coelho, abade santo en Pitões das Júnias

Artigo de José Rodríguez Cruz

 

Panorámica do Mosteiro de Santa María das Júnias./ Foto: José Rodríguez Cruz.
Panorámica do Mosteiro de Santa María das Júnias./ Foto: José Rodríguez Cruz.

Arde o sol nunha calorosa tarde do mes de setembro. Baixamos por un peto camiño lastrado que nos conduce ás ruínas do vedraño mosteiro próximo ao lugar de Pitões das Júnias. Os restos da edificación fican á beira do Ribeiro de Camposinho onde, pasando unha ponte, tamén se pode acceder a un vello muíño ligado a este edificio. Este complexo medio en ruínas, salvo a igrexa, agocha unha longa historia detrás, da que imos comentar algo.
Nesta paraxe fermosa os frades desenrolaron a vida monástica ao longo de séculos. Dise que o berce do convento de Santa María das Júnias está nun eremitorio creado nestas paraxes illadas alá polo século IX.

Os restos do actual mosteiro e a igrexa contigua téñense por construídos na primeira metade do século XII, ocupado por monxes da Orde de San Bento. E transcorridos os anos intégrase na Orde do Císter, agregado ao mosteiro galego de Oseira.

A obra do mosteiro sufriu melloras ao longo dos tempos, ampliación da capela maior, construción do claustro (comezando o século XIV), faise con terras na contorna do Barroso e na veciña Galicia, restáurase a igrexa, engadíndolle retablos tallados en dourado, etc., (comezando a primeira metade do século XVIII)…
Na segunda metade do século XVIII comeza a súa decadencia, perde monxes e rendas. No século XIX, coa desaparición das ordes masculinas (1834), o seu derradeiro monxe exerce de párroco de Pitões. E esmorece paseniño, cando transcorría a segunda metade deste século, produciuse un gran incendio no edificio, destruíndo moitas estancias do mesmo.

É Monumento Nacional desde xaneiro de 1950, e nos anos oitenta e noventa do século pasado leváronse a cabo obras de mantemento e recuperación en diversas estancias. Recibe frecuentes visitas, e cada 15 de agosto acolle unha romaría á que acoden veciños de Pitões e doutros lugares da contorna.

 

A estatua de San Bento protexe das enchentes do río./ Foto: José Rodríguez Cruz.
A estatua de San Bento protexe das enchentes do río./ Foto: José Rodríguez Cruz.

Na igrexa dunha soa nave, destaca a capela maior, fachada románica e un fermoso campanario, do claustro románico fican tres arcos nun dos laterais do templo, tamén un pequeno cemiterio e nesta parte, nunha ventá enreixada, a estatua xacente dun monxe que algún ten por San Bento, e que popularmente se cre que “defende ao edificio das enchentes de auga do río próximo”.

Sobre as orixes deste mosteiro, Frei Tomás de Peralta (Fundación, antigüedad y progresos del Imperial monasterio de Osera, Madrid, 1677) transmitiu que certo día aconteceu que dous cazadores saíran de caza polos montes que rodean Júnias, que cando levaban xa un tempo de caza atoparon unha imaxe de María Santísima co seu fillo nos brazos no trobo dun tronco de castiñeiro, ficando os cadelos quedos, coa vista fixada na imaxe da virxe, en posición de reverencia, que logo imitaron os seus amos fincándose de xeonllos diante dela.

Pola súa banda, José Lamela (El Xurés y sus misterios, 84) engade datos dun interesante documento do século XVII, existente na Catedral de Ourense (leg. 213), onde se di que a imaxe apareceu en “un castaño y fue hallada por un fidalgo de Portugal, yendo huyendo de los moros en la universal perdición de España por causa del Rey don Rodrigo, en el año 717, y descubrieron la imagen dos perros, los cuales entraron por un secretísimo y asperísimo lugar y se inclinaron ladrando donde estaba la imagen hasta que llegó el hidalgo y viendo el milagro se quedó allí e hizo un humilde edificio donde estuvo con otros compañeros”.

Logo se ergue un templo no mesmo lugar da aparición da imaxe, xorden edificacións arredor da igrexa e procúranse monxes “que se consagrasen a ela nunha vida de austeridade e sacrificio”. E atópanos no Mosteiro de Oseira, que solicitaron ao seu abade (Frei Damián Yáñez, A abadía de Júnias no camiño de San Rosendo, en Comemorações do Milenario de San Rosendo, 977-1977; 1978).

 

Vista parcial de Pitões./ Foto: José Rodríguez Cruz.
Vista parcial de Pitões./ Foto: José Rodríguez Cruz.

Pola súa conta, Frei Antonio Yepes (Crónica General de la Orden de San Benito, Valladolid, 1618) di que “outro anexo posuíu a casa (Oseira) en Portugal, xunto a vila de Chaves, bispado de Braga, chamado Santa María de Júnias”, cos anexos de San Rosendo das Júnias (Portugal) e Santa María de Cela, en Galicia. Peralta di que a data da chegada dos monxes de Oseira a Santa María das Júnias é en 1147, a pesar de que hai autores que non concordan con esta data, apuntando a unha posterior, discrepancias que tamén acontecen coa data da fundación.

Entre 1485 e 1512 goberna Oseira D. Suero de Oca, relevante persoeiro. Por este tempo atópase á fronte da pequena abadía de Santa María das Júnias un monxe de orixe portuguesa, natural de Chaves, chamado Frei Gonçalo Coelho. O relato refire que certo día de inverno, 2 de febreiro de 1501, reclaman os seus servizos na freguesía de Santa María de Cela, e non se demora en coller camiño, atravesando a escarpada serra. Celebra os actos relixiosos diante dos seus fregueses e volve andando ao mosteiro, atopando a morte nestas alturas da serra. Frei António Yepes di que Deus amosou milagrosamente a morte deste monxe, porque os sinos dos mosteiros de Júnias e de Cela tocaron sen que ninguén se acercase a eles.

Peralta tamén fai referencia ao milagre, e di que cando o frade volvía cara Pitões empeorou o tempo, sorprendéndoo nas alturas do monte unha forte ventada e nevarío, sen poder tirar para diante ou para trás, ficando alí atolado na neve. Que foron na súa busca, atopándoo de xeonllos, coas mans en cruz e co rostro mirando cara o ceo.

Frei Gonçalo Coelho dise que foi enterrado en Santa María das Júnias, con gran devoción e respecto. Que moita xente acudía alí en romaría onde, entre outras reliquias, se expuña a cabeza deste abade ao que os nativos chamaban Frei San Gonçalo. Canonizado por aclamación popular con ben apunta o investigador Xosé Lamela, quen recolle da tradición local o feito de que antes el xa previra a súa morte, dando a nova na misa do domingo anterior.

Artigos relacionados

Back to top button