OurenseÚltima hora

“A fronteira infinda” abre as súas portas na sala de Afundación en Ourense

A mostra reúne 45 obras de 20 artistas galegos en cuxa pintura é constante a presenza da emigración
Un dos momentos do acto inaugural de "A fronteira infinda" en Ourense.
Un dos momentos do acto inaugural de “A fronteira infinda” en Ourense.

Emigración e arte galega. En torno a estes dous piares desenvólvese a exposición “A fronteira infinda. Os artistas galegos e a emigración”, que vén de inaugurarse na mañá do 10 de marzo na sala de exposicións de Afundación na cidade de Ourense (Praza Maior, 4).

A mostra, comisariada por Carlos L. Bernárdez, achega un total de 45 obras de 20 artistas galegos que contan cun amplo recoñecemento tanto dentro como fóra da comunidade. Poderá visitarse ata o vindeiro 12 de xuño. Todas as pinturas seleccionadas forman parte dos fondos das coleccións de arte de ABANCA e Afundación, declaradas Ben de Interese Cultural (BIC).

O percorrido expositivo parte dunha das figuras clave na historia da arte galega: Castelao. A temática da emigración é unha constante na súa obra e serve para dar paso a un segundo núcleo expositivo constituído polos artistas exiliados en América tras a guerra civil. Maruja Mallo, Arturo Souto, Manuel Colmeiro, Eugenio Granell, Luís Seoane, Isaac Díaz Pardo ou Laxeiro son algúns dos creadores destacados cando se fala da arte galega ao outro lado do Atlántico. A través das súas obras podemos observar como evoluciona a súa produción artística, na que está presente o país que deixaron atrás e a nova realidade americana, adoptando as expresións dunha sólida renovación formal que os conectan coas correntes internacionais máis avanzadas.

As autoridades percorrendo a exposición, que poderá visitarse ata o vindeiro 12 de xuño.
As autoridades percorrendo a exposición, que poderá visitarse ata o vindeiro 12 de xuño.

Esta viaxe artística conclúe cunha representación das novas xeracións formadas na posguerra, un colectivo que protagoniza un novo fenómeno migratorio, esta vez principalmente cara a Madrid, o centro do sistema da cultura dominante, e outras cidades como Nova York ou París. Leopoldo Nóvoa, Jorge Castillo, Manuel Mampaso, Luis Caruncho, Antonio Lago Rivera ou Tino Grandío son algúns dos representantes desta segunda diáspora cuxas creacións forman parte da mostra.

Na presentación da exposición, o director xeral de Responsabilidade Social Corporativa e Comunicación de ABANCA e presidente de Afundación, Miguel Ángel Escotet, sinalaba que “é unha gran responsabilidade contar con este rico patrimonio, por iso esforzámonos día a día para estar á altura, para poñelo en valor e facilitar que todos os galegos e galegas poidan coñecelo e gozalo”.

O acto inaugural tamén contaba coa presenza do alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, e da delegada da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, entre outras autoridades.

Artigos relacionados

Back to top button