ConcellosGalerías de fotosÚltima hora

Froxán festexa a pisa da castaña seca

Numerosas persoas asistían a esta celebración que organiza dende hai dezaoito anos a Asociación Fonte do Milagro

Do sequeiro ata case o prato. O ciclo completo do pisado da castaña seca recreábase ao longo da xornada do 10 de decembro en Froxán nunha festa que cumpre xa dezaoito edicións. Multitude de persoas, boa parte delas procedentes do litoral galego, pero tamén de zonas próximas como Quiroga ou mesmo Valdeorras, se achegaban ata este pobo de Folgoso do Courel para desfrutar dunha xornada adicada á tradición e á gastronomía.

O programa desta festa, que promove a Asociación Fonte do Milagro, comezaba ás 11:30h. do 10 de decembro co acendido do sequeiro. Pouco despois facíanse as demostracións de pisado sobre o cepo e logo de abandoxado, no que se separa a castaña das peles que a rodean. Mentres tanto soaban as melodías tradicionais de Tundal, que actuaba no escenario da carpa instalada nas proximidades do sequeiro, e de No Cómbaro. Asemade podía visitarse a mostra de artesanía situada nas inmediacións.

En torno á unha e media dábase paso ao pregón no que estaba prevista a presenza da actriz Susana Dans, sen embargo, debido a circunstancias familiares non puido acudir, tal e como explicaba o presidente da Asociación Fonte do Milagro, Evaristo Méndez. No seu lugar presentaba como pregoeiro ao contador Celso F. Sanmartín e aproveitaba para agradecer a numerosa asistencia e para pedir a incorporación de xente nova ao fronte da asociación e darlle, dese xeito, continuidade á festa.

A continuación tomaba a palabra o contador Celso F. Sanmartín, quen se refería á pisa como “un modo de traballo e conservación do produto” e confesaba que as castañas “como máis me gustan son asadas, entre a borralla, ao pé das brasas” e “en compañía”. Tamén resaltaba que entre a cidade e a aldea “hai un relato compartido grazas a algunhas cousas e a algunhas persoas e unha desas cousas son as castañas”. Na súa intervención enfiaba tamén pequenas anécdotas e botaba unha adiviña en forma de cantar.

O programa proseguía coa presentación de dous libros. O primeiro deles era “O libro do Courel” da coruñesa Sonia García quen contaba como nacía a súa relación co Courel e as orixes deste volume, así como os seus contidos. “Non é unha guía de rutas, senón que recolle a esencia do Courel, as súas tradicións, natureza, a xente…”. O segundo libro era “O Apaldador e o Arco da Vella”, un conto ilustrado dirixido aos máis pequenos que xira sobre a figura deste personaxe mítico do Nadal galego. Está escrito por Xan G., quen lle daba lectura en Froxán.

A partir de aí dábase paso ao xantar do pisador, que enchía as mesas do recinto e tamén os arredores. Consistía nun delicioso menú a base de castañas cocidas, panceta e chourizo, xunto cun saboroso doce de castañas. A festa continuaba pola tarde con novas demostracións de pisado e abandoxado e con actuacións musicais. Tamén estaba previsto un man a man sobre o escenario de Quico Cadaval e Celso F. Sanmartín.

Artigos relacionados

Back to top button

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies.
Pinche el enlace para mayor información. También puede consultar aquí nuestra política de protección de datos

ACEPTAR
Aviso de cookies
Close