EconomíaEconomíaÚltima hora

Froxán recreará a tradición da pisa da castaña seca

Esta localidade de Folgoso do Courel desenvolverá o 9 de decembro un amplo programa cultural e festivo en torno a este labor tradicional
Demostración de pisadores en Froxán./ Foto: Carlos G. Hervella.

Ao carón do sequeiro comezará ás 11:30h. do 9 de decembro a XIX Pisa da Castaña de Froxán (Folgoso do Courel). Esta festa de fondo carácter etnográfico principiará co acendido do sequeiro e, unha hora despois, desenvolveranse as demostracións de pisa e de abandoxado. Xa ás 13:30h. procederase á lectura do pregón, a cargo do actor galego Federico Pérez.

O programa incluirá asemade a presentación do poemario “Pasou o tempo” de Urbano Arza. A continuación, darase paso ao xantar do pisador, ao prezo de 10 euros, e cun menú a base de castañas cocidas, panceta e chourizo, xunto cun saboroso doce de castañas.

As demostracións de pisado continuarán pola tarde e nelas xa poderá participar o público. Ademais a xornada estará animada pola música. Esta cita festiva, etnográfica e gastronómica, que atrae a numeroso público en cada edición, será organizada pola Asociación Fonte do Milagro de Froxán. Nela contarase con carpa.

Artigos relacionados

Back to top button