CulturaCulturaEntroido 2021Última horaVídeos

Fugaz e fermosa ronda o Domingo de Entroido en Pombriego

 

O son e os bailes do Entroido revivían na tarde do Domingo Gordo en Pombriego, na comarca leonesa da Cabrera. Unha reducida comitiva carnavalesca, na que se gardaban estritamente as distancias e as medidas de seguridade, facía unha rápida ronda pola localidade levando de casa en casa o espírito da festa ante a ledicia e emoción dos veciños, que se asomaban ás fiestras ou aos balcóns.

 

 

Pasaban tocando e cantando e tamén botaban un baile (os bailaríns eran persoas conviventes) ante cada porta, repartindo ilusión. “Aínda que fora pouquiño, foi algo, o importante é a saúde, pero desta maneira queríamos animar á xente nestes tempos nos que estamos. Cando chegabamos ás portas das casas vías nas súas caras a ilusión que lles facía, e iso vale moitísimo”, comenta Edilberto Rodríguez, dende a Asociación Aires del Cabrera, que recuperou anos atrás a tradición do Entroido en Pombriego.

 

 

Nesa ronda saían os Guapos (Madamas e galáns) e tamén podía verse a algún dos Mazcarados, en concreto ao Corzo e ao Xabarín.

 

 

Esta ronda foi gravada por David Vázquez, que prepara un documental sobre o Entroido de Pombriego.

Fotos e vídeo cedidos pola Asociación Aires del Cabrera.

 

 

Artigos relacionados

Back to top button