En portadaGalerías de fotosÚltima hora

O Fulión de Raigada volve tocar en Vilar

Despois de moito tempo, o Fulión de Raigada (Manzaneda) volvía neste Entroido a visitar á veciña aldea de Vilarmeao (Viana do Bolo). Chegaban rozando ás nove dunha fría e húmida noite á entrada de Vilar. Alí, varios representantes de Raigada solicitaban en verso o permiso para poder tocar. No seu decurso non faltaban as bromas, con intercambio de obxectos, así como as referencias á amizade entre ambas localidades e mesmo había un momento moi emotivo no que se lembraba a Paulino de Vilar, recentemente falecido.

Así, unha das Mázcaras comentaba que:

“Non podemos despedirnos,
sen unha persoa nombrar,
a que lle gustaba moito o folión
e del sempre nos imos lembrar.

Hai moi pouco tempo que marchou,
esta todo moi reciente,
que contento estaría,
ao vernos xuntos a toda esta xente.

Nesta noite
querémoslle dedicar
esta pequena fuliada
que trouxemos a Vilar.

Sempre lle trouxemos algún verso,
nunca o quixemos ofender,
el como era un gran home,
sempre nolo supo agradecer.

Ata sempre Paulino,
nunca te vamos a olvidar,
sempre nos acordaremos de ti
cando veñamos aquí a Vilar.

Vamos a deixarnos de tristuras,
que a festa debe comezar,
que aló onde queira que esté,
seguro nos está a escoitar”.

Ante a demanda de Raigada, o pobo de Vilar respondía agradecido concéndolles o permiso aos visitantes.

“E agora se ninguén máis quere falar,
que a corna, os bombos, as aixadas
e as chocas empecen a tocar
desde O Moredo ata o fondo do lugar”.

A partir de aí iniciábase unha ronda do fulión polo pobo, comezando pola zona dun souto de castiñeiros. Soaban, cornas, bombas e aixadas, acompañadas polo ritmo das chocas das Mázcaras nas súas danzas.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button