OurenseÚltima hora

A Fundación Araguaney achega a Ourense o seu ciclo de cinema euroárabe “Amal en ruta”

O Teatro Principal de Ourense acollerá, entre os días 13 e 16 de setembro, no que todos os filmes xiran en torno á figura da muller árabe
Ghaleb Jaber Martínez, Manuel Baltar e Ghaleb Jaber Ibrahim. // Foto: Carlos Asensio. 

O Teatro Principal prepárase para recibir, entre os días 13 de 16 de setembro, o ciclo de cinema euroárabe “Amal en Ruta” 2017. Unha iniciativa levada a cabo pola Fundación Araguaney “na que temos como obxectivo a transmisión cultural entre Oriente Medio e Occidente”, explicou o presidente da Fundación Araguaney e director do festival, Ghaleb Jaber Martínez, na presentación de hoxe, 7 de setembro, no Centro Cultural “Marcos Valcárcel” .

Nesta edición “deuse a casualidade de que todas as pezas están dirixidas ou protagonizadas por mulleres”, dixo Jaber Martínez, e por iso “decidimos centrarnos no papel da muller como motor do cinema árabe”. Así, estas proxeccións fan un resumo da última edición da Semana do Cine Euroárabe “Amal”. En total, o programa consta de catro longametraxes, dous documentais e unha curtametraxe. Entre elas, o director de “Amal” destacou “Ave María”, de Basil Khalil, “nomeada aos Óscar a mellor curtametraxe”, contou. Que será a encargada de abrir o ciclo o vindeiro 13 de setembro ás 21:00 horas.

Así, tras “Ave María”, ás 21:15 horas, será a quenda da longametraxe “3.000 noches”, de Mai Masri, co-produción de Plastina, Francia, Xordania, Líbano, Emiratos Árabes e Catar. O xoves 14 de setembro, ás 19:00 horas será a quenda para o documental “Nearby Sky” de Nujoom Alghanem e, ás 21:00 horas, proxectarase “Barakah meets Barakah”, unha ficción de Mahmoud Sabbagh. O 15 de setembro, ás 19:00 horas, emitirase o documental “After Spring” de Ellen Martínez e Steph Ching, e continuará a ficción “10 años divorciada” de Khadija Al-Salami, ás 21:00 horas.

Para pechar o ciclo, o sábado, 16 de setembro ás 21:00 horas, proxectarase “Las aventuras del príncipe Achmed” de Lotte Reiniger, a película de animación máis antiga da historia e que contará con música en directo. Todos os filmes son de entrada libre até completar aforo.

O presidente da Deputación, Manuel Baltar, destacou que este ciclo “é unha iniciativa que traspasa fronteiras a través dun cinema comprometido e de sentimento”. Pola súa banda, o presidente do Grupo Araguaney, Ghaleb Jaber Ibrahim, asegurou que este ciclo de cine de autor “presenta causas de sufrimento e sentimento, que conmoverá ao público e que posiblemente cambie a súa visión do mundo árabe”.

Sobre “Amal”

Segundo contou Ghaleb Jaber Martínez, a palabra “Amal” significa “esperanza” en árabe. Ghaleb explicou que o audiovisual é o “mellor xeito de amosar a realidade do mundo árabe en occidente”, neste senso explicou que a cinematografía “é unha arte que ten a capacidade de facer empatizar, xa que traballa coas emocións” e por iso dende a súa fundación promoven esta semana de cine Euroárabe que se chega agora ata Ourense. Esta semana de cine Euroárabe ten a súa sede en Santiago de Compostela.

Texto: Carlos Asensio.

Artigos relacionados

Back to top button