En portadaGalerías de fotosÚltima hora

A Fundación Valdegodos recibe as certificacións de calidade ISO 9001 e UNE 158101

Estes recoñecementos marcan, segundo esta entidade, “o inicio dun camiño e a nosa determinación de seguir traballando polos máximos estándares de calidade”

O presidente da Fundación Valdegodos, Miguel Blanco Álvarez, recibía na mañá do 8 de novembro de mans do director da delegación en Galicia de AENOR, Martín Pita, as certificacións de calidade conforme á norma ISO 9001:2015 (Sistemas de Xestión de Calidade) e a norma UNE 158101 (servizos residenciais).

 

Miguel Blanco, presidente da Fundación Valdegodos, durante a súa intervención./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

O acto tiña lugar na residencia Virxe dos Milagres de Valdegodos (Vilamartín), ante a presenza de traballadores da fundación. “Para nós hoxe é un día alegre, despois de máis dun ano de traballo temos por fin as certificacións de calidade”, dicía Miguel Blanco, que ademais agradecía o esforzo realizado pola plantilla da fundación, “que son o seu mellor activo”. Tamén destacaba que “a obtención destas certificacións marca o inicio dun camiño e a nosa determinación de seguir traballando cos máximos estándares de calidade”.

 

Un dos momentos do acto, celebrado na residencia Virxe dos Milagres./ Foto: Carlos G. Hervella.

O presidente da Fundación Valdegodos aludía aos plans de actuación acometidos nos últimos anos en tres áreas principais: “a modernización de infraestruturas e equipamentos” (nos seis centros cos que conta en Galicia e noutros dous en Canarias), o “aumento e profesionalización da plantilla de persoal” (coa creación de 65 novos postos de traballo ata acadar un total de 416 traballadores) e “o cambio na metodoloxía de traballo cara un modelo de atención centrado na persoa”.

 

Martín Pita, director de AENOR en Galicia./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Pola súa banda, Martín Pita, director de AENOR Galicia, incidía en que esta entrega é “un acto importante porque reflexa o esforzo e traballo da empresa para ter os seus niveis de calidade certificados”. A continuación, explicaba as singularidades de cada unha das certificacións logradas e destacaba que non é habitual que unha entidade acometa o proceso para obter as dúas á vez. “Non é fácil ter conseguido isto en todos os centros da fundación, o proxecto era tremendamente esixente. Ten sido un labor impresionante e o mérito é da empresa, da dirección e de todo o persoal que debe levar a cabo todo isto ao detalle”.

Fotos: Carlos G. Hervella.

 

Artigos relacionados

Back to top button