ConcellosO BarcoÚltima horaVídeos

Funeral no Barco de monseñor Eloy Tato, bispo de Magangué (Colombia)

 

Nunha sentida e concorrida eucaristía familiares, veciños, uns 40 sacerdotes (entre eles o párroco barquense Jesús Álvarez), así como o arzobispo de Santiago, monseñor Julián Barrio; os bispos de Astorga, monseñor Jesús Fernández, e o de Ourense, monseñor Leonardo Lemos; entre outras autoridades eclesiásticas, despedían a monseñor Eloy Tato Losada, natural de Viladequinta (Carballeda de Valdeorras), bispo misioneiro emérito de Magangué (Colombia). Entre os asistentes ao funeral, celebrado ás 12h. deste venres na igrexa de Santa Rita no Barco, estaban tamén varias Irmás Misioneiras Catequistas ás que el mesmo converteu en congregación relixiosa.

O funeral estivo presidido polo bispo de Astorga, monseñor Jesús Fernández, quen na súa intervención na homilía facía un repaso pola vida deste bispo valdeorrés, falecido o pasado mércores aos 98 anos de idade. Tamén percorría a súa dilatada traxectoria en territorio de misión,  resaltando que “con monseñor Eloy fóisenos un home de fe profunda que, como san Pedro, estaba convencido de que Deus non fai distincións; acepta ao que o teme e practica a xustiza, sexa da nación que sexa. Por iso quixo compartir a súa fe con xentes doutras latitudes”. Facendo vida o seu lema episcopal”.

 

 

A parábola do gran de trigo, dicía o bispo de Astorga, “repítese neste tempo e faise realidade en monseñor Eloy Tato Losada, que nos deixaba para espertar a unha nova vida, aos 98 anos”. Ademais indicaba que con “D. Eloy fóisenos un dos dous únicos bispos vivos que participaron nas 4 sesións do Concilio Vaticano II. Segundo as últimas noticias que nos chegaron, resta outro supervivinte con residencia en Canadá”.

Entre os seus froitos pastorais, monseñor Jesús Fernández destacaba “a conversión en congregación do Instituto de Hermanas Misioneras Catequistas ás que tanto amou e das que recibiu un delicado e xeneroso coidado nos momentos de debilidade ata o final dos seus días”. Describíao como un “traballador infatigable, nunca paralizou os seus soños. Amaba á Igrexa e buscaba incansablemente obreiros para a viña do Señor, era un home xeneroso e pobre que non reservou nada para si”.

 

 

 

Ademais, ao final da eucaristía prodecíase a dar lectura unha serie de mensaxes de agradecemento e homenaxe a monseñor Eloy Tato. Unha delas era a do Instituto de Hermanas Misioneras Catequistas de Colombia, outra enviada polo actual bispo titular da Diócese de Magangué, lido polo padre Óscar, quen ademais lle expresaba o seu agradecemento á irmá Rosa María, quen estivo co bispo ata o final.

 

 

Tamén interviña o párroco de Sobradelo, Juan José Prieto, quen anunciaba que o vindeiro día 25 de xaneiro ás 17h. terá lugar unha misa funeral en Sobradelo por moseñor Eloy Tato e mencionaba ao anterior párroco de Rubiá, Herminio González, “que o acompañou espiritualmente en todos os momentos que o necesitou”.

 

 

Líase ademais unha mensaxe do secretario de Estado do Vaticano, o cardenal Prieto Parolin, e tamén tomaba a palabra o secretario xeral do Instituto Español de Misión Estranxeiras, Antonio González.

O funeral desenvolveuse tal e como monseñor Eloy Tato dispuxera, incluíndo un canto interpretado por unha das irmás do Instituto de Hermanas Misioneras Catequistas.

Fotos e vídeos: Carlos G. Hervella.

 

 

Artigos relacionados

Back to top button