DeportesGalerías de fotosÚltima hora

Fútbol á luz dos focos en Calabagueiros, contra a violencia machista

C.D. Barco e S.D. Ponferradina xogaban un partido amigable na tarde do 27 de novembro

 

Este ano o deporte uníase ao programa do Concello do Barco contra a violencia de xénero, cun encontro moi especial no campo de fútbol de Calabagueiros.

Na tarde do 27 de novembro, dous días despois das concentracións e manifestos oficiais en repulsa da violencia machista, o equipo sénior do Centro de Deportes Barco de terceira división e o da SD Ponferradina de segunda, enfrontábanse nun partido amigable no que o de menos era o resultado.

Non é a primeira vez que ámbolos dous equipos xogan en Calabagueiros (adoitan facelo cada ano durante a pretempada), pero desta volta o obxectivo non era técnico senón solidario. “É unha forma de colaborar coa causa, esperando que a xente que asista o pase ben e vexa bo fútbol”, aseguraba o presidente do club barquense Daniel Ramos, na presentación do partido onde tamén adiantaba que todo aquel que asistise ao cunha camiseta morada recibiría rifas para participar nun sorteo de camisetas e bufandas da Ponferradina e do Barco, buscando unha “gran marea morada” coa que dar visibilidade á loita contra a violencia de xénero.

 

Foto dos rapaces de Asfaval cos xogadores do Barco.

 

Entre eses asistentes ao campo, xa iluminado cos focos, estaban os membros de Asfaval con pancartas referentes ao 25N, que se fotografaron cos xogadores dos dous equipos, coas camisetas moradas. E xa sobre o céspede, a superioridade dos bercianos, dúas categorías por riba dos valdeorreses, quedaba patente no 0-5 final.

A próxima cita para os rapaces de Manolo Pérez que se manteñen no terceiro posto da clasificación en terceira división, será o domingo 1 de decembro, de novo en Calabagueiros, onde se enfrontarán á UD Paiosaco, en postos de descenso.

Fotos: Carlos G. Hervella

Artigos relacionados

Back to top button