EconomíaEconomíaÚltima hora

O futuro da minería galega, no marco da nova lei de implantación empresarial

Ourense acollía unha xornada técnica que abordaba os cambios que suporá para este sector esta normativa que vén de publicarse hoxe no DOG

A minería galega e o seu desenvolvemento no marco da nova Lei de fomento de implantación de iniciativas empresariais de Galicia. Este era o eixo en torno ao que xiraba a xornada técnica “Perspectivas de futuro para o sector mineiro galego”, celebrada na mañá do 25 de outubro na sede da Confederación Empresarial de Ourense (CEO).

O encontro inaugurábase a partires das dez e media coa intervención do presidente da CEO, José Manuel Pérez, quen se refería á minería galega como un “sector estratéxico para a economía galega no que están englobados outros subsectores moi destacados dende o punto de vista económico, pero también social, posto que a pedra en xeral é un dos elementos consubstanciais á sociedade galega”. Ademais destacaba o seu valor na xeración de emprego, tendo en conta que neste sector traballan máis de 20.000 persoas en Galicia, das cales “máis de 6.000 pertencen á provincia de Ourense” e destacando o peso do sector da lousa.

Na mesma liña se manifestaba o director xeral de Enerxía e Minas, Ángel Bernardo Tahoces, quen asemade cualificaba de “acertada e oportuna” esta xornada xa que coincidía coa publicación no DOG do 25 de outubro da Lei de implantación empresarial. Esta nova normativa axudará, segundo Tahoces, a consolidar a actividade mineira “impulsando ao sector, tanto en xeración de actividade económica como de postos de traballo”. Apuntaba que o texto legal favorecerá a sustentabilidade ambiental da actividade e, en paralelo, fomentará o cumprimento dos principios de publicidade e concorrencia, xa que permite, “unha vez que caduquen os dereitos mineiros, que se abra un prazo dun mes para que calquera empresa poida presentar a súa solicitude de cara a desenvolver actividade mineira neles”. O director xeral engadía que esta lei ofrecerá máis simplificación administrativa e nela os concellos van ser clave para ampliar o alcance das súas medidas. “Esta lei axudaranos a manter en funcionamento un motor económico que Galicia non pode permitirse o luxo de apagar”, dicía.

Tamén se contaba neste acto inaugural co alcalde de Ourense, Xesús Vázquez, que resaltaba o “alto nivel técnico da xornada” e incidía en que a minería “é un sector fundamental na economía galega que compite tendo como máxima a execución de proxectos de carácter innovador”. Tamén aludía ao seu “prometedor futuro”.

A primeira das ponencias do foro corría a cargo de Javier Taboada Castro, catedrático da Escola de Enxeñería de Minas e Enerxía da Universidade de Vigo, quen se centraba nos aspectos da nova Lei de implantación empresarial que supoñen unha modificación da Lei 3/2008 de Ordenación da Minería de Galicia. E en alusión a este texto legal aseguraba que “a facilidade de tramitación é importante para o mundo da minería, por iso temos que aplaudir esta nova lei”. Referíase aos seus obxectivos, entre eles, “conseguir un procedemento administrativo integral de outorgamento de dereitos mineiros, sen perder ningunha garantía simplifica a burocracia”, así como lograr unha “reactivación do sector dende o punto de vista de que os permisos mineiros e concesións que se caduquen decláranse rapidamente como francos por se hai alguén que teña interese en obter o permiso e realizar a explotación”. Logo percorría, un a un, cada un dos artigos modificados da anterior lei da minería.

O programa continuaba cunha mesa redonda na que participaban tres rexidores de concellos galegos cunha forte presenza da minería da lousa, do granito e dos áridos, respectivamente: as alcaldesas de Carballeda de Valdeorras, María Carmen González, e de Porriño, Eva García, e o alcalde de Sandiás, Felipe Traveso. Os tres coincidiron en valorar positivamente a nova lei no que respecta ao sector mineiro e ao valor socioeconómico que ten nos seus concellos. A alcaldesa de Carballeda valoraba especialmente “a clarificación” que aporta “porque teño sufrido a vergoña de que un expediente administrativo pasase polo pleno municipal varias veces. Benvida sexa a clarificación, racionalizar e facer prazos máis curtos”. E ademais agradecía “a autonomía municipal” que implica a lei, xa que “sen o informe municipal non hai canteira”.

Por outra banda, a alcaldesa do Porriño e o rexedor de Sandiás comentaban que esta normativa intenta “alixeirar a burocracia á que se somete a calquera empresario” e pediron que na práctica a lei “se desenvolva desa maneira e que os prazos se cumpran”.

Coa conferencia do catedrático de Dereito Administrativo da Universidade de Santiago de Compostela, Luis Míguez Macho, concluía o programa. Nela analizaba o que significa a nova lei de implantación empresarial de Galicia e as novidades que introduce en cuestións como a tramitación do réxime xurídico da tramitación dos dereitos. Esta xornada técnica ten sido promovida conxuntamente polo Clúster da Pizarra de Galicia, a Cámara Oficial Mineira de Galicia, o Clúster do Granito e a Asociación Galega de Áridos. Entre os asistentes, ademais de empresarios e profesionais do sector mineiro galego e representantes municipais, estivo tamén o subdelegado do Goberno en Ourense, Roberto Castro.

Fotos: Carlos G. Hervella

Artigos relacionados

Back to top button