ConcellosGalerías de fotosÚltima hora

Fuxan Os Ventos volve aos escenarios, dez anos despois, no Barco

Este emblemático grupo galego actuaba no mediodía do 22 de febreiro no acto inaugural do novo salón de actos do CEIP Otero Pedrayo de Viloira, que leva o seu nome

Despois dunha década sen xuntarse para actuar, os integrantes de Fuxan Os Ventos volvían reunirse sobre un escenario no Barco. Facíano ademais no do renovado salón de actos do CEIP Otero Pedrayo de Viloira (O Barco), que agora leva o nome deste emblemático grupo galego, no mediodía do 22 de febreiro. Interpretaban media ducia de pezas entre as que se incluía unha homenaxe a Rosalía de Castro, unha nana, un canto de muiñada e coñecidos temas como “A saia da Carolina” ou “Sementeira”, aos que se unía o público.

A súa actuación poñía o broche a un acto inaugural celebrado no mediodía deste venres no que tamén se contaba coas actuacións dos escolares do centro, de alumnos do Conservatorio e da Escola de Música do Barco e do Orfeón Valdeorrés.

O acto concluía cun agradecemento da directora do centro, Remedios Arias, a todas as agrupacións participantes, así como ás autoridades presentes, ao alumanado e tamén aos pais e familiares asistentes. Logo viña un intercambio de agasallos. O CEIP agradecía a presenza e colaboración de Fuxan Os Ventos cunha escultura de Xelo de Tremiñá e cunha cesta con produtos típicos da zona (das mans dos alumnos) e o grupo agasallaba ao centro co último disco que publicaban hai anos.

Despois, ofrecíase unha pinchada aos asistentes que tamén recibían como recordo unha placa conmemorativa en lousa.

Fotos: A.R.

Artigos relacionados

Back to top button