EconomíaEconomíaÚltima hora

Gabriel Alén destaca o labor do programa Emega na creación do emprego feminino na provincia

O delegado da Xunta en Ourense informou de que na convocatoria para 2021, a Consellería de Emprego e Igualdade destinou á provincia 447.000€ que deron lugar a 32 iniciativas que empregaron a 72 mulleres

O delegado da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, visitando unha das empresas beneficiarias do programa Emega.

 

Na mañá deste luns 17 de xaneiro, o delegado da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, visitaba na cidade de Ourense a asesoría de empresas D3 Gestión, beneficiaria de dúas liñas de axuda do programa Emega, a liña Activa e a Concilia, cunha partida de 21.000 euros ao xerar 5 postos de traballo; 3 por conta propia e 2 por conta allea. Na visita tamén estivo presente a responsable da iniciativa Deseño e fabricación de xoiería en 3D, beneficiaria da liña ITEF deste mesmo programa cunha achega de 27.000 euros pola contratación de dúas persoas, unha por conta propia e outra por conta allea de xeito indefinido.

O delegado territorial informou que na convocatoria do programa Emega para 2021, a Consellería de Emprego e Igualdade destinou á provincia de Ourense 447.000 euros que deron lugar a 32 iniciativas que empregaron a 72 mulleres, subliñando que “apoiar o liderado económico e social das mulleres fomentando o emprego feminino promovido por elas mesmas é un dos piares irrenunciables sobre os que se asenta a actuación da Xunta, no marco da igualdade de oportunidades”.

 

Un momento da visita.

 

Catro liñas de actuación integran o programa Emega. A liña Emprende, destinada a posta en marcha de novas empresas por parte de mulleres desempregadas; a liña Activa, que busca a reactivación e consolidación de proxectos empresariais garantindo ou incrementando os postos de traballo da empresa; a liña ITEF, para a posta en marcha de novas iniciativas empresariais de carácter innovador no eido da investigación e da tecnoloxía; e a liña Concilia, complementaria das tres anteriores, que ten por obxecto favorecer a conciliación da vida laboral, persoal e familiar tanto das promotoras como das persoas traballadoras ao seu cargo.

A contía dos apoios para todas estas liñas vai dos 8.000 euros aos 42.000 e ten en conta o número de postos de traballo (de un a máis de catro) ocupados por mulleres nestas empresas.

Na convocatoria de 2021, Emega contou cun incremento lineal de 2.000 euros en todos os incentivos, coa finalidade de chegar a maior número de empresarias e favorecer un emprendemento máis sólido e continuado no tempo.

 

Artigos relacionados

Back to top button