CulturaCulturaEducaciónÚltima hora

Gabriel Alén pon en valor o traballo educativo das escolas rurais

Facíao durante a súa intervención na recepción aos representantes da Fundación Princesa de Girona no CRA Amencer de Ribadavia

No acto de recepción a representantes da Fundación Princesa de Girona, que se desenvolveu esta mañá no CRA Amencer no concello de Ribadavia, o delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, louvou o traballo educativo das escolas rurais da provincia e de Galicia

Ademais subliñou que “unha sociedade rural nunha escola rural como na que nos atopamos é un foco acendido de valores, relacións e comportamentos”. “Por experiencia, -continuou o delegado- sei que aquí foméntase a solidariedade e a igualdade, a escola pasa a formar parte do medio, e a familia a formar parte da escola”.

Alén manifestou que “o vencellamento entre os alumnos e mestre é mutuo, favorecendo a experimentación e a pedagoxía activa que permite a implantación dunha educación máis personalizada, e ao mesmo tempo máis enriquecedora, pois desenvólvense e interactúan, permanentemente mesturados, convivencia e aprendizaxe”.

Así mesmo, aproveitou a súa estandía no CRA Amencer no concello de Ribadavia para amosar o seu recoñecemento aos profesores, educadores e persoal do eido educativo polo “polo voso labor activo e decidido a prol e a carón da educación e do entendemento en tempos de incertezas e desconcerto”.

A Fundación Princesa de Girona, dentro do seu programa Xeración docentes escolleu o CRA Amencer de Ribadavia con sedes nas localidades de San Paio, Francelos e San Cristobo, para que dous alumnos de Educación Infantil ou Primaria, de trinta en todo o estado, desenvolvan programas docentes transformadores, con capacidade para innovar e xerar solucións aos grandes retos educativos.

Esta experiencia educativa levarase a cabo tamén no CRA Monterrei en Ourense; en Galicia, no CRA Coristanco (Coristanco), CRA de Valla (Valla), CRA Nosa Señora do Faro, CRA Rianxo e CRA Vilaboa. No resto do Estado, nas comunidades autónomas de Estremadura e Aragón.

A contorna pedagóxica e social que ofrece o modelo da escola rural, organizado a partir do sistema de aulas multigrado, proporciona aos docentes lles oportunidade de traballar con metodoloxías educativas innovadoras.

Xeración docentes e os beneficios da escola rural

Trátase dun programa de desenvolvemento profesional para futuros docentes que ofrece formación, apoio para o desenvolvemento do traballo de fin de grado, acompañamento titorial e a oportunidade de vivir unhas prácticas singulares en escolas rurais de referencia de Aragón, Estremadura e Galicia.

A experiencia nunha contorna rural, con baixa ratio de alumnos e nun espazo natural, ofrece a oportunidade de coñecer a docentes cunha profunda vocación, altamente motivados e con gran capacidade de xestionar situacións complexas ante o cambio social.

O valor pedagóxico do aula multigrao e a heteroxeneidade do grupo, que facilitan a igualdade de oportunidades, a cooperación, o autocoñecemento e a inclusión, desde unha individualización eficaz da aprendizaxe, traballando da man das familias para potenciar o mellor de cada alumno.

É un clima familiar na aula que favorece a convivencia e o desenvolvemento da intelixencia emocional, ademais de crear comunidade e xerar impacto social, polo que créanse espazos de aprendizaxe que van máis aló do aula e xeran oportunidades ao alumnado e ao profesorado para mellorar as súas competencias.

Artigos relacionados

Back to top button