En portadaÚltima hora

A Gala do Deporte do Barco homenaxea este venres a 40 deportistas locais

Brinda ademais recoñecemento a unha vintena de entidades e clubes do municipio
A Gala do Deporte foi presentada esta mañá polo alcalde, Alfredo Gacía, e o edil de Deportes.
A Gala do Deporte foi presentada esta mañá polo alcalde, Alfredo Gacía, e o edil de Deportes.

O Concello do Barco de Valdeorras vén de presentar esta mañá na casa consistorial unha nova edición da Gala do Deporte, unha cita que se celebrará este venres ás 20.00 horas nas instalacións do Teatro Lauro Olmo da vila. A Concellaría de Deportes recupera así un evento que servirá para enxalzar a traxectoria de preto de medio centear de figuras e entidades do deporte local. “Era o momento de repetir esa experiencia para homenaxear aos deportistas do Barco”, subliñou o edil de Deportes, Aurentino Alonso.

O titular da área de Deportes, Aurentino Alonso.
O titular da área de Deportes, Aurentino Alonso.

Nesta ocasión, segundo explicou Alonso, foron os clubes os encargados de elixir aos que serán galardoados. Deste xeito, o venres subirán ao “podio” preto de 40 deportistas e unha vintena de representantes da práctica totalidade de escolas e equipos do Barco: Trotadas, Adas Natación, Adas Proinor, CD Barco, Escudería Clásicos, Peña Trevinca, Baloncesto, Arco Barco, Graíño Team, Yudo, Kick Boxing, Karate O Barco, Volei, Asfaval e Morea.

Tamén serán recoñecidos deportistas individuais e outros profesionais relacionados co eido deportivo dende outras áreas como adestradores, fisioterapeutas ou psicólogos. Ademais, o Periódico O Sil recibe unha das mencións especiais pola súa labor de difusión do deporte local.

Por outra banda, o rexedor local, Alfredo García, explicou que “nos parecía interesante recuperar ese momento no que lle das un recoñecemento aos deportistas que destacaron cada ano” e indicou que a tendencia é fixar este acto no tempo para celebralo cunha frecuencia bianual. Segundo as cifras que manexa a administración local, actualmente o municipio conta con máis de 1.000 persoas que participan en actividades deportivas, das cales 743 son deportistas federados. “É unha proporción bastante considerable para a poboación que ten a vila”, subliñou García.

Tamén en termos de cifras, o primeiro edil recordou que a vila está servida en canto a instalacións deportivas, malia continuar á espera de poder retomar o proxecto das pistas de pádel e de tenis. Di que os terreos xa están reservados e culpa ao ministro de Hacienda, Cristóbal Montoro, de entorpecer esta construcción. “As neuras de Montoro e compañía”, ironizou para xustificar a prohibición que pesa sobre certos municipios para crear infraestruturas destinadas a deportes. Á marxe da lexislación, descartou cambios na situación para o que queda de ano.

Por último, García avanzou que o concello está negociando coa Consellería de Educación para solucionar a falta de pavillón do CEIP Julio Gurriarán, o único colexio do Barco que carece desta instalación deportiva. Tal e como el mesmo explicou, unha das posibles solucións pasaría por realizar unha nova construcción, que estaría cofinanciada con fondos das arcas municipais.

Fotos: Carlos G. Hervella

Máis información e fotos na vindeira edición en papel do Periódico O Sil

Artigos relacionados

Back to top button