CulturaCulturaÚltima hora

Galaxia publica “Florencio Manuel Delgado Gurriarán. Un legado infindo”

Imaxe: Galaxia.

 

A Editorial Galaxia vén de publicar, na colección “Lectura Fácil”, o libro “Florencio Manuel Delgado Gurriarán. Un legado infindo”, de Lucía Gómez Álvarez. Trátase dunha obra que conta con pictogramas para achegar ao público o labor cultural deste autor valdeorrés homenaxeado no Día das Letras Galegas 2022.

Esta obra, que contou co apoio da Consellería de Cultura, Educación e Universidade por medio da Secretaría Xeral de Política Lingüística, “é unha aposta da editorial para que todo o mundo poida ler e nutrirse de grandes obras. Os pictogramas axúdannos a entender as historias e os poemas. Neste caso, a vida de Florencio Manuel Delgado Gurriarán, que este ano é o protagonista na celebración das nosas letras”, segundo Galaxia.

Florencio Delgado Gurriarán, nado en Córgomo (Vilamartín de Valdeorras), o 27 de agosto de 1903 e finado en Fair Oaks (California) o 14 de maio de 1987, foi un avogado e poeta galego.

En 1933 ingresou no Partido Galeguista e, tras o comezo da Guerra Civil, logrou escapar a Portugal, despois a Francia e, por último, a Barcelona. Ao rematar a Guerra Civil, marchou ao exilio a México.

Utilizou, en escritos de prensa ou revistas, varios pseudónimos: Korgomófilo, Nadel, Porto do Río, Xan do Sil, Sil e R. Miño. Foi unha persoa moi concienciada coa cultura galega, sendo un dos fundadores da revista “Vieiros”. Cando volveu a Galicia, foi nomeado membro da Real Academia Galega.

A través deste libro, sinxelo e moi ilustrativo, todas as persoas poderán coñecer mellor a figura do escritor e, sobre todo, comprender a súa vida. Esta é unha aposta a favor da diversidade e igualdade de oportunidades para todas e todos, que busca achegar a cultura a toda a sociedade.

Artigos relacionados

Back to top button