OurenseÚltima hora

‘Galicia a un paso de ti’, un repaso fotográfico polo patrimonio natural e cultural galego, na sala Valente

Composta por 110 imaxes de Adolfo Enríquez, a exposición pódese visitar de martes a sábado, de 11 a 13:30 horas e de 18:30 a 21:30 horas; e os domingos, de 11:30 a 13:30 horas.

Inauguración da exposición fotográfica na sala Valente.

 

A sala Valente, en Ourense, renova a súa actividade coa exposición ‘Galicia a un paso de ti’, un repaso fotográfico ao patrimonio natural e cultural galego, composta por 110 fotografías de Adolfo Enríquez (natural de Porto do Son, A Coruña), que permanecerá aberta ata o 21 de novembro.

A mostra, que pasará polas sete grandes cidades galegas logo de pasearse por medio mundo, amosa Galicia e o seu rico patrimonio histórico, unha invitación aos seus habitantes e a quen a visita a coñecer, descubrir e tamén redescubrir a súa gran riqueza arquitectónica, natural e paisaxística. “Esta exposición axudará a valorarnos nós mesmos e poderllo contar a quen non o coñece”, valoraba Armando Ojea, tenente de alcalde do Concello de Ourense, durante a presentación. Nese mesmo sentido manifestábase o autor das imaxes, Adolfo Enríquez, quen apuntaba a que a importancia da mostra radica en que “o que se coñece valórase, e o que se valora, protéxese”.

 

 

Para César Fernández, vicepresidente segundo da Deputación, “tomar distancia do noso patrimonio a través das fotografías” axudará a poñer en valor a nosa terra; mentre que pola súa banda Gabriel Alén, delegado territorial da Xunta en Ourense, felicitouse pola recente declaración da Ribeira Sacra como reserva da biosfera, animando a espallar a riqueza do noso país a través das fotografías de Adolfo Enríquez. “Temos a oportunidade de confirmar que somos privilexiados por vivir no mellor lugar do mundo, nun destino con tantos recursos turísticos dos que esta mostra plasma algúns exemplos das marabillas e tesouros da comunidade da que temos a obriga de presumir e o deber de ensinar”, dixo.

En ‘Galicia a un paso de ti’ as imaxes serven para “cautivar a quen non coñece Galicia e para convidar a quen a habita a descubrir pequenos paraísos que están ao seu alcance”, aseguran dende o Concello de Ourense, incidindo en que a exposición “convida a viaxar polos lugares máis sorprendentes da xeografía galega sen saír dunha sala de exposicións, á vez que divulga os múltiples destinos onde dirixir os nosos pasos para vivir en bosques frondosos, solpores cheos de luz, pedra feita arte ou camiños de auga, entre outras experiencias”.

 

 

A exposición permanecerá no céntrico espazo expositivo municipal ata o 21 de novembro, e poderá visitars de martes a sábado, de 11 a 13:30 e de 18:30 a 21:30 horas; e domingos de 11:30 a 13:30 horas. Os luns, o espazo permanece pechado.

Artigos relacionados

Back to top button