En portadaÚltima hora

Galicia abandonará o estado de alarma a partir do luns

Anunciábao o presidente do goberno galego tras a reunión do Consello da Xunta deste venres

 

Na súa xuntanza deste venres o Consello da Xunta acordaba dar por rematada a fase 3 da desescalada. Así o anunciaba o presidente galego, Alberto Núñez, indicando que Galicia levantará o estado de alarma a partir do próximo luns, despois de que o Goberno central autorizase este mesmo venres á Comunidade a dar este paso. Será a primeira comunidade española en facelo.

Galicia é, polo momento, a comunidade autónoma con menor taxa de incidencia por 100.000 habitantes de España. Así pois, despois de valorar a situación epidemiolóxica dos últimos 14 e 7 días e dado que o número de contaxios é 10 veces inferior á media de España de forma continuada nos últimos 14 días, o goberno galego solicitou levantar o estado de alarma, dar por concluída a fase 3 e entrar nunha fase de seguimento sanitario. Xa cunha serie de condicionamentos económicos e sociais máis permisivos.

Isto non significa, matizaba Feijóo, que se teña superado a pandemia. “A nosa situación epidemiolóxica permítenos seguir avanzando, pero en ningún caso pensar que o problema do coronavirus está solucionado. Convive con nós e o risco de rebrote é certo”, indicaba.

Así as cousas, o vindeiro luns Galicia abandonará a tutela do Goberno central e comezará unha nova etapa que estará rexida polo Real Decreto lei 21/2020 –o que concreta a chamada nova normalidade– e polas normas que dite o Goberno autonómico, dado que asume todas as normas en materia de saúde pública que considere pertinentes.

 

O titular do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, durante a rolda de prensa posterior á reunión semanal do Consello da Xunta.

 

A “nova normalidade”

En concreto, as medidas preventivas recollidas nun acordo aprobado hoxe polo Consello serán publicadas mañá no Diario Oficial de Galicia e terán vigor desde o vindeiro luns 15 de xuño. Deste xeito, o acordo recolle: a obrigatoriedade de medidas de hixiene e prevención esixibles a todas as actividades, tales como: labores de desinfección e limpeza; especial atención nas zonas de uso común; que se promova o pago con tarxeta; tarefas de ventilación periódicas; e medidas específicas dirixidas a centros comerciais, establecementos de hostalería e restauración, lugares de culto, piscinas ou actividades culturais, entre outras.

Nesta mesma liña, establécense limitacións de aforo: un límite de 60 persoas en espazos abertos e de 30 en pechados no caso de velorios, cun máximo de 75 na comitiva fúnebre. O mesmo 75% que será o máximo permitido en boa parte dos establecementos regulados, como locais e centros comerciais, onde as zonas comúns quedarán limitadas á metade do aforo. Mentres que nos bares, restaurantes, hoteis e aloxamentos turísticos o aforo será de 75%, salvo nas terrazas que se eleva ao 80%. E tamén se regulan museos, equipamentos culturais, actividades deportivas, bibliotecas ou piscinas, entre outros. “Sempre cumprindo a distancia de 1,5 metros e, se non é posible, será obrigatorio o uso de máscara”, matizou Feijóo.

Apertura de parques infantís

No que se refire aos parques infantís, soamente se autorizarán os que se atopan ao aire libre por cuestións de precaución. E, no que respecta ás actividades deportivas (excepto a ACB e a Liga de Fútbol Profesional, que se reserva ao Goberno central), o aforo será do 75% cun límite de 300 persoas no caso de recintos pechados e de 1.000 no caso de recintos abertos.

Así mesmo, dado que se levanta o estado de alarma, o presidente da Xunta anunciou que decaen as limitacións de todos os dereitos fundamentais existentes e propios do estado de alarma, entre eles o límite para facer xuntanzas nos domicilios ou reunións familiares.

 

Artigos relacionados

Back to top button