SanidadeÚltima hora

Galicia adhírese á aplicación estatal de rastrexo “Radar Covid”

Así o anuncia Sanidade, que tamén indica que a aplicación galega ‘Passcovid’ será interoperable co sistema de rastrexo nacional

 

O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, vén de comunicarlle por carta ao ministro de Sanidade, Salvador Illa, a vontade de Galicia para adherirse á aplicación de rastrexo “Radar Covid” que desenvolve o Goberno central.

O responsable galego de Sanidade apuntou que a aplicación de rastrexo estatal engadirase ao sistema “Passcovid”, que neste intres está a testear na súa fase piloto a Xunta de Galicia, e que será completamente interoperable coa app estatal.

Vázquez Almuíña trasladáballe ao Ministro de Sanidade que a comunidade galega sumarase ao novo sistema de rastrexo e control a covid-19 -Radar Covid-, que vén desenvolvendo nos últimos meses o goberno de España.

Almuiña sinala que a actual crise sanitaria fai preciso atopar novas vías de control e seguimento para combater a expansión do virus Sars-cov2, e así acadar unha xestión o máis optimizada posible da súa evolución. Nesa liña considera que “Radar Covid” é unha ferramenta de participación cidadá que, “grazas á súa axilidade e eficacia, contribuirá a mellorar a detección precoz de novos casos e, así mesmo, adoptar tamén medidas axeitadas con maior celeridade e precisión, respecto da situación epidemiolóxica”.

‘Passcovid’ a aplicación na que está a traballar a Xunta

A aplicación ‘Passcovid’, é un canal telemático e preferente de contacto de residentes e transeúntes en Galicia que, por medio da tecnoloxía Bluetooth e grazas á conexión co Servizo Galego de Saúde e a Central de Rastrexo de contactos, permitirá coñecer con precisión a trazabilidade da covid-19 na comunidade galega.

A Xunta de Galicia agrupará nunha única app un conxunto de utilidades para cidadanía, incluída a do restrexo automatizado de contactos, que servirán de soporte e axuda para os profesionais sanitarios. Así, a adhesión a app será voluntaria e garantirá a privacidade e confidencialidade dos datos que se insirán na mesma.

As persoas que descarguen a aplicación ‘Passcovid’, poderán optar por facelo mediante un perfil personalizado, ou ben, por un perfil anónimo.

No primeiro dos casos, os usuarios que desexen rexistrarse poderán facelo por medio da identificación segura Chave365, recibindo alertas, mensaxes e consellos prácticos, en función de sus características en relación con la COVID. Se deciden optar por un perfil anónimo, as mensaxes e alertas gozarán dun carácter moito máis xenérico, e incidirán nos protocolos sanitarios vixentes en Galicia.

En ámbolos dous casos, se a persoa usuaria decide, de xeito voluntario, activar a súa xeolocalización, as mensaxes e alertas estarán referenciadas de acordo á ubicación da persoa en cada intre. Así, ‘Passcovid’ facilitaralle datos moito máis específicos, como poden ser os brotes activos nese concello, os protocolos vixentes no municipio ou as medidas sanitarias que debe adoptar.

Artigos relacionados

Back to top button