CulturaCulturaÚltima hora

Galicia, Andalucía, Castela e León e Estremadura asinan un acordo para impulsar a Vía da Prata

As comunidades autónomas traballarán de xeito coordinado para a protección, promoción e conservación desta antiga ruta xacobea

Sinal na Vía da Prata. / Foto: Carlos G. Hervella.

 

Galicia traballará en coordinación coas comunidades autónomas de Andalucía, Estremadura e Castela e León nun protocolo de impulso e divulgación da Vía da Prata. O proxecto permitirá acometer medidas de protección, sinalización, promoción e conservación de cara á celebración do ano Xacobeo no vindeiro 2021. No documento establécese a creación dunha Comisión de Cooperación e a creación dun grupo de traballo para desenvolver as accións conxuntas. O protocolo tamén incide no apoio ás asocacións do Camiño de Santiago e a necesidade de crear unha Federación de Asociacións de Amigos do Camiño de Santiago Vía da Prata.

Hoxe, 20 de xullo, reuníronse na cidade estremeña de Cáceres os conselleiros de Cultura destas catro comunidades polas que pasa a vía xacobea para asinar o acordo. Estiveron presentes o conselleiro de Cultura e Turismo en funcións da Xunta de Galicia, Román Rodríguez; a conselleira de Cultura e Patrimonio Histórico da Xunta de Andalucía, Patricia del Pozo; o conselleiro de Cultura e Turismo da Xunta de Castela e León, Javier Ortega e a conselleira de Cultura, Turismo e Deportes da Xunta de Estremdura, Nuria Flores.

Segundo o titular de Turismo en funcións na Xunta de Galicia, o novo protocolo “permitirá explotar todo o potencial da Vía da Prata”. “Estamos ante un acordo de colaboración histórico, xa que non existen moitas comunidades que colaboren de xeito tan estreito por un mesmo obxectivo, que non podía ser outro que o Camiño de Santiago”, continuaba Román Rodríguez. Os catro representantes coincidiron en subliñar que este plan supón “unha folla de ruta” sobre a que realizar un traballo efectivo e coordinado.

Durante a xuntanza en Cáceres, tamén se destacou a necesidade crear un Plan Nacional dos Camiños de Santiago como elemento para impulsar as rutas xacobeas a escala internacional. Pola súa banda, Estremadura e Andalucía reiteraron a solicitude de incorporación ao Consello Xacobeo, xa que deste órgano só forman parte as comunidades polas que pasan os camiños Patrimonio da Humanidade.

 

Artigos relacionados

Back to top button