OurenseÚltima hora

“Galicia Calidade en ruta” chega a Ourense

Inclúe diversos showcookings, catas de viños e degustacións de produtos amparados polo selo Galicia Calidade
Acto de presentación de "Galicia Calidade en ruta" na cidade de Ourense.
Acto de presentación de “Galicia Calidade en ruta” na cidade de Ourense.

“Galicia Calidade en ruta” aposta pola calidade como o mellor xeito de acceder aos mercados máis competitivos e esixentes, xa que a marca representa o compromiso das empresas galegas co esforzo por ofrecer os mellores produtos e servizos; e o uso das mellores prácticas para a produción, elaboración e comercialización dos produtos. Así o destacaba o director xerente de Galicia Calidade, Alfonso Cabaleiro, na presentación desta campaña en Ourense. Neste acto tamén estiveron presentes o alcalde de Ourense, Agustín Fernández, o subdelegado do Goberno en Ourense, Roberto Castro, e o delegado da Xunta na provincia, Rogelio Martínez.

Dentro do camión da campaña, situado na Praza Maior da cidade das Burgas, desenvolvíanse dúas accións diferentes. A primeira delas, denominada “Esencial”, consiste nunha degustación de “bocados de Galicia Calidade”, elaborados pola chef Marián Rodríguez, e que ofrece unha ampla mostra da versatilidade e excelencia dos produtos. Mentres que a segunda, denominada “De viños Galicia Calidade”, é unha maridaxe dos viños amparados por este selo con outros produtos como os xamóns, embutidos ou queixos, baixo a dirección da enóloga valdeorresa Cristina Murga.

Un dos momentos da presentación desta campaña itinerante de Galicia Calidade.
Un dos momentos da presentación desta campaña itinerante de Galicia Calidade.

A acción está enfocada aos profesionais do sector da gastronomía (hostalaría, restauración e retail), consumidores e prescritores, co obxectivo de poñer en valor os produtos do sector alimentario certificados por Galicia Calidade.

Tras pasar por Ourense, “Galicia Calidade en ruta” estará en Pontevedra (6 de decembro), Lugo (9), Vigo (12 e 13), Ferrol (16) e A Coruña (19 e 20). Esta campaña enmárcase na estratexia de reforzo do selo Galicia Calidade, que cumprirá 20 anos en 2015, e é unha marca recoñecida e valorada polos consumidores que conta con máis de 250 produtos certificados, de 51 empresas diferentes. Entre as empresas que contan con esta distinción figuran varias da provincia de Ourense como Coren, Aguas de Cabreiroá, Bodegas Nairoa, Bodegas Ruchel Gargalo, Patatas Conde ou Quinta do Buble.

Artigos relacionados

Back to top button