EconomíaEconomíaÚltima hora

“Galicia Calidade en ruta”, polas sete cidades galegas

Esta iniciativa incluirá showcookings, degustacións e catas de viño o fin de fomentar o consumo dos produtos certificados
A directora xeral de Comercio, Sol V‡zquez Abeal, e o xerente de Galicia Calidade, Alfonso Cabaleiro, na inauguración de "Galicia Calidade en ruta" en Santiago.
A directora xeral de Comercio, Sol V‡zquez Abeal, e o xerente de Galicia Calidade, Alfonso Cabaleiro, na inauguración de “Galicia Calidade en ruta” en Santiago.

Tras pasar por Santiago de Compostela (28 e 29 de novembro), “Galicia Calidade en ruta” percorrerá en decembro Ourense (o día 2), Pontevedra (o día 6), Lugo (9), Vigo (12 e 13), Ferrol (16) e A Coruña (19 e 20). Trátase dun roadshow no interior dun camión adaptado, no que se realizarán diversos showcookings, catas de viños e degustacións de produtos amparados por Galicia Calidade. Esta singular iniciativa está destinada a profesionais do sector da gastronomía (hostalaría, restauración e retail), así com a consumidores e prescritores, para promover as virtudes dos produtos certificados pola marca de garantía.

Outro dos momentos desta presentación en Santiago.
Outro dos momentos desta presentación en Santiago.

As accións que se desenvolverán nas sete cidades galegas serán diferentes. A primeira delas, denominada “Esencial”, consiste nunha degustación de “bocados de Galicia Calidade”, elaborados polos chefs Marián Rodríguez e Iván Méndez e que ofrecerá unha ampla mostra da versatilidade e excelencia dos produtos. A segunda, denominada “De viños Galicia Calidade”, consiste nunha maridaxe dos viños amparados por este selo con outros produtos como os xamóns, embutidos ou queixos, baixo a dirección de prestixiosos sumilleres como Xoan Cannas.

Nas cidades de Santiago, Vigo e A Coruña tamén se realizarán dúas accións máis en cada unha delas, con especial atención aos almorzos e ás conservas. Así, o “Almorzo Galicia Calidade” ofrecerá a combinación dun almorzo de calidade con café, leite, froitas, doces e outros produtos, baixo a direción do coñecido barista Oscar de Toro. A mostra “A Lata de Galicia Calidade” pretende destacar o valor e a versatilidade das conservas amparadas por este selo e o seu desenvolvemento en receitas gastronómicas.

No acto de inauguración desta campaña en Santiago o 28 de novembro, a directora xeral de Comercio e presidenta de Galicia Calidade, Sol Vázquez Abeal, defendía que a marca Galicia Calidade é “o mellor pasaporte” das empresas galegas, xa que representa o “ADN galego dos produtos e servizos e o compromiso coa calidade”. Tamén engadía que con esta nova estratexia preténdese conseguir que, “pouco a pouco, os consumidores e usuarios identifiquen que Galicia é igual a Calidade”. Neste senso, salientou que esta aposta “é o mellor xeito de acceder aos mercados máis competitivos e esixentes”.

O xerente de Galicia Calidade, Alfonso Cabaleiro, durante a súa intervención.
O xerente de Galicia Calidade, Alfonso Cabaleiro, durante a súa intervención.

Nesta mesma presentación o director xerente de Galicia Calidade, Alfonso Cabaleiro, aseguraba que “Galicia Calidade, en ruta” pretende contribuír a “xerar valor engadido aos produtos e servizos desenvolvidos en Galicia, mediante a certificación de calidade que é o que transmite confianza e seguridade aos consumidores”. E matizaba que esta acción de promoción está enfocada aos profesionais e prescritores de opinión (aínda que tamén participará o público en xeral) co obxectivo de “poñer en valor os produtos do sector alimentario certificados por Galicia Calidade. “Facémolo primeiro en Galicia, porque ás veces non valoramos o que temos”.

A campaña Galicia Calidade en ruta enmárcase na estratexia de reforzo de Galicia Calidade, que cumprirá 20 anos en 2015, unha marca recoñecida e valorada polos consumidores que conta con máis de 250 produtos certificados, de 51 empresas diferentes.

Artigos relacionados

Back to top button