ConcellosÚltima hora

Galicia e Portugal asinan un novo acordo de cooperación en materia de emerxencias transfronteirizas

Este convenio asinouse tras a xuntanza que tivo o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, coa Comissão de Coordenação e Desenvolvimento Regional do Norte de Portugal (CCDR-N)
O convenio foi asinado en Porto tras unha xuntanza de traballo.

A Xunta de Galicia e a Comissão de Coordenação e Desenvolvimento Regional do Norte de Portugal (CCDR-N) veñen de asinar un convenio no Porto, dentro do proxecto Ariem + , que pon en marcha un novo plan en materia de emerxencias e riscos transfronteirizos. O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, fixo o anuncio tras a xuntanza de traballo mantida entre ambas institucións.

Este novo proxecto, informan dende a Vicepresidencia, xira en torno a dous eixos básicos. Por un lado, a prevención de riscos naturais relacionados co clima (inundacións, incendios, secas…). Por outra banda, a definición de medidas de adaptación ao cambio climático en materia de sensibilización da poboación civil e creación dun sistema e infraestruturas de xestión de catástrofes.

Os obxectivos do Ariem+ son a definición dun Plan Territorial Transfronteirizo de Emerxencias que permita obter a máxima protección para as persoas, o medio ambiente e os bens que poidan verse afectados; a creación dunha rede de mando operativo único para a xestión conxunta dos recursos humanos en materiais en situación de risco que mellore a xestión e coordinación, in situ, de emerxencias; a identificación dos riscos da zona, en especial os derivados do cambio climático (incendios forestais, inundacións…) a definición dun plan de actuación ante eles, e o reforzo da capacidade operativa incorporando novas tecnoloxías da información e da comunicación para a prevención e xestión de riscos.

Ademais, apostarase pola formación especializada na resposta aos riscos detectados e no uso dos medios adquiridos, e tratarase de sensibilizar á poboación sobre os riscos identificados, as vías de prevención e autoprotección.

A reunión tamén serviu para acordar a organización do vindeiro Plenario da Comunidade de Traballo Galicia- Norte de Portugal. Este grupo foi constituído en 1991 coa finalidade de favorecer unha dinámica de encontros regulares entre Galicia e Norte de Portugal, para tratar asuntos de interese común, intercambiar informacións, coordinar iniciativas e examinar as posibilidades de solucionar os problemas comúns ou de distribuír a súa solución por medio de acordos, de decisións tendentes a unha solución coordinada, ou de recomendacións e propostas ás autoridades competentes, así como a elaboración e presentación de proxectos de cooperación conxuntos.

 

Artigos relacionados

Back to top button