SanidadeÚltima hora

Galicia permitirá a mobilidade por visitas familiares das 00h. do 30 de decembro ás 23h. do 1 de xaneiro, incluso nos concellos perimetrados

O conselleiro de Sanidade anunciaba esta maña as medidas acordadas polo Comité clínico para "Fin de Ano"

O conselleiro de Sanidade, Julio García, na rolda de prensa desta mañá.

 

O Comité Clínico de expertos que fai seguemento da pandemia do Covid-19 en Galicia acordaba na reunión celebrada na tarde de onte actualizar as medidas para “Fin de Ano”. A principal novidade respecto das decisións adoptadas no Plan de Nadal, refírese aos horarios dos locais de hostalería que, nos concellos que actualmente están en nivel máximo e medio alto, poderán abrir unha hora máis, trasladándose o horario de peche das 17 ás 18 horas.

Así o anunciaba o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, na rolda de prensa que daba hoxe ás 9h. Destacaba que este horario quedará establecido tamén unha vez rematen as festas. No referido ao día 1 de xaneiro, os locais terán que retrasar a súa apertura ata as 11 da mañá, volvendo o día 2 ao horario de apertura habitual. Nesta comparecencia estivo acompañado polo secretario xeral técnico de Sanidade, Alberto Fuentes, o xerente do Sergas, José Flores; e a directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán.

O conselleiro informou que entre as 00, 00 horas do día 30 de decembro e as 23 horas do día 1 de xaneiro permitirase a mobilidade de persoas con motivos das visitas familiares, incluso naqueles concellos que se atopan perimetrados. Esta mobilidade adicional tamén será extensiva para aquelas persoas que visiten a nosa comunidade durante estas datas, e polo mesmo motivo.

Así mesmo mantense para a noite de Fin de Ano o mesmo horario que houbo xa na Noiteboa, ampliándose ata as 1,30 horas a mobilidade para poder retornar ao domicilio no lugar do horario máximo das 23 horas que rexe nos restantes días.

Ademais o comité acordaba aplicar restricións de nivel medio alto en Xinzo de Limia e de nivel alto en Verín, Cualedro, Monterrei e Castrelo de Val.

Composicións dos grupos familiares

Durante a súa intervención, Julio García Comesaña insistiu na recomendación que fai Sanidade de que as xuntanzas familiares estean integradas unicamente por persoas que pertenzan á mesma unidade familiar, sendo esta unha modalidade na que non existiría límite no número de persoas.

A segunda opción refírese a que as xuntanzas se cingan a un máximo de dúas unidades familiares, introducindo como límite a cifra de 10 persoas, para respectar o establecido no Plan elaborado polo Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde.

Por último, a terceira opción proposta pola Xunta, fai referencia as xuntanzas compostas por máis de dúas unidades familiares, unha situación na que non se debe exceder a cifra de 6 persoas adultas, e un máximo de 4 nenos con idade non superior aos 10 anos.

Artigos relacionados

Back to top button