En portadaÚltima hora

Galicia retomará a vacinación con AstraZeneca

A ministra de Sanidade anunciaba que a partir do vindeiro mércores reanudarase en España a administración da vacina, tras o acordo desta tarde na reunión do Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde

 

A partir do vindeiro mércores España retomará a vacinación coas doses de AstraZeneca, que se suspendía o pasado luns. Así se acordaba, por unanimidade na reunión do Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde (CISNS) celebrada esta tarde. Esta decisión, anunciada arredor das oito desta tarde en rolda de prensa pola ministra de Sanidade, Carolina Darias; tómase despois de que hoxe a Axencia Europea do Medicamento (EMA) asegurase que é segura e eficaz, pese aos casos de tromboses que se teñen detectado e que se seguirán estudando.

“Nesta decisión do consello tívose en conta intentar en todo momento maximizar os beneficios e minimizar os riscos. Creo que é moi importante nesta estratexia de vacinación”, dicía a ministra. Así mesmo Darias indicaba que se consultará con sociedades científicas e profesionais sobre que colectivos de idade deberían ser os que reinicien a vacinación con estas doses.

A directora da Axencia Española de Medicamentos e Produtos Sanitarios (AEMPS), María Jesús Lamas, sinalaba que tamén se acordou que, a partir de agora, a ficha técnica da vacina de AstraZeneca contemple indicacións sobre as posibles tromboses detectadas, principalmente en persoas menores de 55 anos e mulleres. Ademais adiantaba que se vai remitir unha carta aos sanitarios sobre os síntomas (que detallaba en rolda de prensa) que se debe ter en conta a partir dos 14 días seguintes á vacinación con estas doses.

“Interromper a vacinación foi unha decisión acertada ante un sinal que saltou e para que o PRAC (Comité para a Avaliación de Riscos en Farmacovixilancia) se manifestara”, indicaba a ministra de Sanidade.

Sen datas concretas en Galicia

Dende a Consellería de Sanidade vense de informar da intención de Galicia de reanudar a vacinación contra o Covid coa vacina de AstraZeneca, tras a reunión desta tarde do Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde.

Sen embargo, aínda non hai datas concretas de cando se retomará. Mañá está prevista unha reunión da Comisión Nacional de Vacinas e o sábado outra da Comisión de Saúde Pública. Co seu ditame, o Ministerio de Sanidade e as comunidades autónomas volverán reunirse o luns nun novo CISNS extraordinario para dar o si definitivo.

 

Artigos relacionados

Back to top button