En portadaÚltima hora

Galicia rexistra 27 casos confirmados de coronavirus e tres sospeitosos

Tras a reunión da Comisión Interdepartamental para o seguimento do coronavirus e outras enfermidades emerxentes, o presidente da Xunta daba conta dunha serie de medidas "centradas na prevención para conter o contaxio" do virus

Reunión da Comisión Interdepartamental para o seguimento do coronavirus e outras enfermidades emerxentes en Galicia, presidida por Alberto Núñez na tarde deste 10 de marzo.

A cifra de positivos por coronavirus en Galicia continúa medrando. Son xa 27 casos os confirmados (un deles éo dunha profesora ourensá) e hai tres sospeitosos, tal e como vén de confirmar a Xunta tras a Comisión Interdepartamental para o seguimento do coronavirus e outras enfermidades emerxentes en Galicia cebraba nesta tarde de 10 de marzo.

Despois da xuntanza, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, daba unha rolda de prensa na que informaba das medidas acordadas, centradas na prevención para conter o contaxio do COVID-19. “Na comisión de hoxe analizamos cos distintos departamentos as medidas que pensamos que se deben activar de forma inmediata en Galicia, para os próximos 15 días e a pesar de ser unha das comunidades con menor incidencia”, dixo, referíndose, en primeiro lugar, á limitación dunha persoa por visita a cada paciente ingresado nos hospitais galegos, e a unha persoa por visita a cada maior ingresado nunha residencia da terceira idade.

Feijóo tamén anunciou a suspensión das visitas aos centros sanitarios de visitadores médicos e farmacéuticos, ou representantes comerciais de empresas, salvo nos casos estritamente necesarios para o correcto funcionamento do centro (como puidera ser levar a cabo un plan de instalación ou formación no manexo dun novo equipo, debendo nestes casos axustarse ao menor número posible de persoas).

Mencionou tamén a suspensión das actividades de voluntarios ou similares nos centros sanitarios; “e promoveranse os sistemas de consulta telefónica, as consultas telefónicas ao 061 ou ao centro de saúde, para evitar desprazamentos aos centros de saúde ou aos hospitais”, engadiu.

Limitación de aforos

O presidente da Xunta tamén sinalaba na súa comparecencia que, por criterios de prudencia, limitarase o aforo a 1.000 persoas en eventos culturais, deportivos, sociais ou similares que se celebren en recintos pechados. Se ben, aseverou que estas e outras medidas serán debulladas polo miúdo nas vindeiras reunións así como no Consello da Xunta.

“Estamos a falar dunhas medidas que buscan evitar os contaxios”, afirmou, incidindo en que a prevención do virus é unha directriz que o Servizo Galego de Saúde, as autoridades sanitarias en Galicia e o propio Goberno autonómico considerarán como un piar básico das súas políticas actuais e futuras.

Logo de aseverar que Galicia trasladará estas medidas ao Consello Interterritorial, o presidente da Xunta concluíu a súa intervención recordando que o conselleiro de Sanidade informou a todos os líderes políticos, con ou sen representación parlamentaria, que se presentan ás eleccións autonómicas.

 

Artigos relacionados

Back to top button
Close