OurenseÚltima hora

Galicia terá un centro integral para a loita contra o lume que se creará en Toén

Destinarase tanto á formación continua de bombeiros forestais como á instrución de novos profesionais e contará cunha aula medioambiental para concienciar á sociedade sobre o seu traballo, segundo adianta o conselleiro do Medio Rural

 

Un total de 15 millóns de euros serán investidos na mellora das instalacións, o equipamento e o parque móbil a disposición do Servizo de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais de Galicia, así como nun Centro integral para a loita contra o lume que se implantará no concello ourensán de Toén. Así o anunciaba o conselleiro do Medio Rural, José González, na visita realizaba hoxe á base de helicópteros antiincendios de Toén, onde supervisou, acompañado polo delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén; o novo punto de auga para a carga de medios aéreos.

O conselleiro sinalaba tamén que este Centro integral para a loita contra o lume se instalará onde agora se atopa o antigo hospital de Toén, por ser a provincia de Ourense a máis afectada polos incendios. Considera que pode ser un “motor económico da Galicia interior e un proxecto pioneiro en Europa, que terá por obxectivo centralizar nun mesmo punto a formación do persoal dedicado á loita contra os lumes forestais”. A intención da Xunta é que se trate dun centro permanente para a cooperación, a investigación e a formación continua do que poderán beneficiarse bombeiros forestais procedentes de toda Europa e no que se contará cos maiores especialistas no comportamento e análise dos incendios.

Así mesmo, as instalacións estarán dotadas dunha aula medioambiental para formar estudantes de distintos puntos de Galicia, co fin de concienciar á sociedade sobre o traballo dos bombeiros forestais como protectores do monte. Nesa liña, segundo José González, estase a promover a ordenación do monte que se atopa na contorna do Centro, de xeito que sexa un modelo de multifuncionalidade e biodiversidade forestal.

Lembrando que na comisión de estudo de 2017 sobre os incendios forestais se recollía a necesidade dunha maior formación do Servizo, o conselleiro resaltou que este Centro constituirá o eixe central do Plan de Formación programado para os efectivos de prevención e extinción, tal e como contempla o recentemente presentado Plan Forestal.

A maiores, contémplase a construción e adecuación dunha rede mellorada e eficiente de puntos de encontro, tanto nas instalacións do persoal antiicendios, almacéns do material de prevención e extinción como no que ten que ver coa construción de garaxes para os vehículos. Así mesmo, actualizarase o equipamento e o parque móbil de vehículos e motobombas para a defensa contra os lumes forestais.

Por último, o conselleiro apuntaba que se vén de iniciar un proceso participativo -da man da Universidade de Vigo- para elaborar a futura Lei de prevención e defensa contra os incendios forestais, contando con ter un texto redactado no primeiro semestre de 2021.

Artigos relacionados

Back to top button