Galicia terá un plan estratéxico e de dinamización territorial das súas 5 denominacións de orixe vitivinícolas

Chamarase “Paseando entre viñedos: Enoturismo en Galicia. Senda estratéxica das comarcas vitivinícolas galegas” e contará coa participación de todos os axentes clave do territorio

Mellorar o posicionamento dos nosos viños galegos e das comarcas que representan. É o obxectivo ddo Plan estratéxico e de dinamización territorial das cinco denominacións de orixe do viño de Galicia (Valdeorras, Ribeiro, Monterrei, Ribeira Sacra e Rías Baixas) que pretende desenvolver a Xunta. Así o adiantaban os conselleiros de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, e do Medio Rural, José González, na mañá do 23 de xaneiro na Feira Internacional de Turismo (Fitur) en Madrid.

Durante unha presentación ante o sector vitivinícola e os representantes das denominacións de orixe galegas, os representantes do Goberno galego explicaron que este plan, denominado “Paseando entre viñedos: Enoturismo en Galicia. Senda estratéxica das comarcas vitivinícolas galegas”, contará coa participación de todos os axentes clave do territorio e que pretende mellorar a coordinación público-privada para fomentar o desenvolvemento territorial a partir do sector vitivinícola.

Nesta liña, José González explicou que como primeiro paso farase un estudo e posterior diagnóstico socioeconómico dos territorios implicados, analizando as súas infraestruturas, os servizos públicos e a súa situación demográfica, así como o tecido asociativo e empresarial. A este traballo, engadiu, sumaranse as tendencias de consumo e do mercado vitivinícola a nivel español e internacional. Así, no ámbito turístico, o plan analizará o sector recollendo aquelas instalacións, servizos e atractivos turísticos presentes nestas comarcas. De feito, a Xunta quere reforzar as vinculacións das denominacións de orixe dos viños cos lugares nos que están asentadas para fortalecer así o seu vínculo co patrimonio natural e cultural.

Sinalización das rutas dos viños

Unha vez se teña o diagnóstico da situación, o obxectivo deste novo plan galego é establecer os eixos para guiar o futuro do ámbito territorial de cada denominación de orixe de forma individual pero tamén en conxunto. Búscase crear unha estratexia común e coordinada atendendo ás particularidades de cada contorna. Neste sentido, o conselleiro de Cultura e Turismo fixo alusión ás iniciativas promocionais que está a impulsar o Goberno galego, unidas a melloras como a sinalización das rutas dos viños, iniciada o pasado ano en Rías Baixas e O Ribeiro e que se completará este ano coas restantes: Monterrei, Ribeira Sacra e Valdeorras. Así mesmo, avanzou que nos próximos meses tamén se traballará intensamente no desenvolvemento da nova estratexia de turismo enogastronómico Galicia Sabe, que foi avaliada a semana pasada no Consello da Xunta.

Román Rodríguez Galicia lembrou que Galicia “é un destino cunha gastronomía e unha cultura do viño auténtica, con personalidade, que propón unha oferta baseada na súa identidade cultural, na diversidade de paisaxes e na riqueza e variedade de produtos de proximidade e de tempada”. Así mesmo, puxo en valor unha cociña que sabe combinar de forma natural tradición e innovación grazas ao bo facer dos seus profesionais.

Sector vitivinícola

Pola súa banda, o conselleiro do Medio Rural lembrou que o sector do viño en Galicia implica a máis de 15.000 viticultores e 400 bodegas. No que se refire á superficie, estímase que esta comunidade conta cunhas 9.000 hectáreas de viñedos que producen uns 60 millóns de quilos ao ano.

Scroll To Top

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies.
Pinche el enlace para mayor información. También puede consultar aquí nuestra política de protección de datos

ACEPTAR
Aviso de cookies