OurenseÚltima hora

Galicia é unha das rexións que rexistra maior déficit de precipitación

Así o informan dende o Ministerio de Agricultura e Pesca, Alimentación e Medio Ambiente tras a xuntanza da ministra, Isabel García Tejerina, cos presidentes das Confederacións Hidrográficas
Francisco Marín, presidente da CHMS, estivo presente na xuntanza.

A ministra de Agricultura e Pesca, Alimentación e Medio Ambiente, Isabel García Tejerina, presidiu onte, 6 de febreiro, a xuntanza de coordinación cos responsables das Confederacións Hidrográficas de conca, dependentes do Ministerio, co obxectivo de avaliar a situación de cada demarcación, especialmente pola seca, as medidas e actuacións que se van desenvolvendo e as previsións para este novo ano.

Ao encontro asistiu o presidente da Confederación Hidrográfica Miño-Sil (CHMS), Francisco Marín, acompañado polos seus homólogos das concas do Douro, Guadalquivir, Guadiana, Xúquer, Segura e Cantábrico. Asemade tamén estivo presente da Mancomunidade dos Canles do Taibilla.

Pola súa banda, a ministra estivo acompañada pola Secretaria de Estado de Medio Ambiente, María García Rodríguez, e pola directora xeral da Auga, Laiana Ardiles, entre outros cargos ministeriais.

Esta xuntanza fíxose tras un mes de xaneiro no que o valor medio nacional das precipitacións acumuladas (dende o 1 de outubro de 2017 até o 30 de xaneiro de 2018) foi de 198,1 milímetros, o que supón un 33,7% menos do valore normal correspondente a dito período (298,6 mm), apuntan fontes do Ministerio de Medio Ambiente.

En concreto, segundo informan dende o propio Ministerio, Galicia é unha das rexións que rexistra maior déficit de precipitación “igual ou superior á media”, xunto con Castela e León, Aragón, Cataluña, Madrid, Castela- A Mancha, Estremadura, Valencia, Balears, Andalucía, Murcia e Canarias.

Os recursos hídricos aportados polas precipitacións non foron suficientes para solucionar os problemas de escaseza que afectan as zonas do país. Dende a última xuntanza incrementouse de xeito lixeiro a reserva hidráulica española, dun 37% ao 42,1% desta mesma semana, con 23.618 hectómetros cúbicos que se acumulaban de media nos dez últimos anos.

A predición da Axencia Estatal de Meteoroloxía no trimestre febreiro-marzo-abril sinala que as precipitacións serán inferiores ao normal na metade-sur peninsular. E, en canto á temperatura, espérase que sexa superior á normal en toda España.

Nesta xuntanza profundaron, tamén, na importancia de garantir a xestión eficiente da auga, plantexándose as actuacións para avanzar nese incremento da máxima eficiencia e aforro de auga, facendo partícipes desta concienciación a todos os usuarios da auga. Neste senso, resaltaron a importancia de intensificar a vixilancia dos consumos e tomar as medidas necesarias en cada conca hidrográfica para ordenar mellor os recursos.

García Tejerina puxo en valor a “interlocución” dos organismos de conca cos usuarios, a través das vías habilitadas polas Confederacións (xuntas de explotación e comisións de desembalse), para que coñezan a situación existente en cada demarcación en todo momento e poidan colaborar.

Ao mesmo tempo, a ministra animou aos presidentes das Confederacións Hidrográficas a seguir actuando “coa máxima responsabilidade, anticipación e celeridade, dende o seguimento continuo da situación para facer a xestión eficiente da auga”, e establecendo como prioridade a resolución dos problemas derivados da seca ,”que se atopan en período de información pública para a súa actualización”, apuntan fontes ministeriais, de cada demarcación e co Pacto Nacional pola Auga no que xa se está a traballar como obxectivo.

Durante o encontro, apostaron por continuar co seguimento permanente da conca, a previsión respecto á vindeira campaña de riscos e as medidas necesarias para garantir o subministro do recurso, insistindo nos principios de anticipación e prevención para facer fronte esta difícil situación.

 

 

Artigos relacionados

Back to top button