OurenseÚltima hora

Galicia, xunto a outras 3 comunidades, rexeita aumentar a protección do lobo

Así Asturias, Cantabria, Castela e León e a comunidade galega consideran innecesaria a inclusión do lobo ibérico no Listado de Especies Silvestres en Réxime de Protección Especial (Lespe), unha proposta que o Goberno central leva analizando desde hai varios meses, segundo indica a Xunta

Foto: Consellería de Medio Ambiente.

 

Galicia, Asturias, Cantabria e Castela e León consideran innecesaria a inclusión do lobo ibérico no Listado de Especies Silvestres en Réxime de Protección Especial (Lespe), unha proposta que o Goberno central leva analizando desde hai varios meses. Así llo trasladaron as catro comunidades autónomas á vicepresidenta cuarta e ministra para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, Teresa Ribera, nunha carta conxunta asinada en nome da Xunta pola conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez.

Segundo expoñen na misiva, “outorgarlle ao lobo un nivel de protección adicional sobre o que xa ten nestes momentos sería unha decisión claramente contraria aos intereses das comunidades do norte do río Douro, que contan con importantes poboacións desta especie asentadas no seu territorio e, por tanto, son as que sofren as maiores consecuencias sobre o sector gandeiro dos ataques puntuais destes animais”.

Así, dende a Consellería de Medio Ambiente enténdese que “a inclusión do lobo no Lespe suporía a prohibición xenérica da súa caza, de xeito que deixaría de ser considerada unha especie susceptible de aproveitamento cinexético en determinados supostos. Só se podería autorizar excepcionalmente a captura dalgún exemplar baixo criterios moito máis estritos que na actualidade, unha limitación que, como expuxo a directora, poría moito máis difícil a comunidades como Galicia recorrer a accións cinexéticas puntuais cando estes animais ameacen os intereses gandeiros”.

Neste sentido, a oposición da Xunta á proposta baséase “no feito de que sería totalmente contraria ás políticas desenvolvidas na comunidade nos últimos anos co obxectivo de buscar a compatibilidade entre a existencia de manadas de lobos (distribuídas principalmente polas provincias de Lugo e Ourense pero con presenza en todo o territorio galego) coa gandaría extensiva e a viabilidade das explotacións destas zonas”.

A decisión da administración galega de dirixirse a Teresa Ribera para trasladarlle o seu rexeitamento a esta posibilidade adoptouse tras a reunión celebrada telematicamente o xoves 22 de outubro entre os catro directores xerais do ramo e o director xeral de Biodiversidade, Bosques e Desertización do Ministerio, Jorge Marquínez, unha xuntanza solicitada xa en setembro polas catro comunidades, ao considerar que serían as máis afectadas en caso de prosperar a iniciativa.

Durante esa reunión, a directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, defendeu en nome de Galicia que o Plan de Xestión do Lobo en Galicia (2008) garante o mantemento dunha poboación estable desta especie, recoñece o seu papel como parte destacada do patrimonio natural e cultural da comunidade e ao mesmo tempo, garante un equilibrio entre a súa presenza no territorio e a actividade gandeira. “Non consideramos necesaria unha protección particular adicional á que xa existe”, argumentou do Campo.

En todo caso, Galicia non se opón a que se poida establecer un réxime distinto para o resto de poboacións de lobo ibérico presentes noutras zonas, tal e como piden outras comunidades que consideran de interese incluír esta especie no Lespe.

Ademais de Ángeles Vázquez, os asinantes da carta á ministra Ribera son o conselleiro de Fomento e Medio Ambiente de Castela e León, Juan Carlos Suárez-Quiñones; o conselleiro de Desenvolvemento Rural, Gandaría, Pesca, Alimentación e Medio Ambiente de Cantabria, Juan Guillermo Blanco; e o conselleiro de Medio Rural e Cohesión Territorial de Asturias, Alejandro Jesús Calvo.

Artigos relacionados

Back to top button