CulturaEducaciónÚltima hora

Galiciencia abre as portas na Tecnópole

A feira científica de Galicia acollerá do 19 ao 21 de novembro un total de 64 proxectos
Un dos proxectos presentado na pasada edición de Galiciencia.
Un dos proxectos presentado na pasada edición de Galiciencia.

Entre mañá mércores 19 e o venres 21 de novembro, celébrase na Tecnópole en Ourense, a maior feira científica de Galicia, Galiciencia, coa exposición de 64 proxectos, 27 de colexios da provincia de Ourense, 20 de Pontevedra e 13 da Coruña, e 4 de Barcelona.

Ao longo destes tres días espérase que máis de 2.000 persoas visiten a feira, un evento que foi recoñecido como “unha das doce actividades de referencia da Semana da Ciencia en España pola Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (FECYT), patrocinadora do evento xunto coa Xunta de Galicia”.

Tal como explican dende a Tecnópolo, os participantes recibirán mañá mércores a visita do conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, e durante os días que dure, a entidade organizadora acollerá no seu recinto unha carpa na que 44 equipos de Secundaria e FP mostrarán ao público os seus proxectos científicos e de innovación. Este ano, como novidade, a feira conta cunha sección especial na que expoñerán 20 equipos de Primaria.

Todos eles recibirán a visita de grupos escolares de toda Galicia, ás que se sumarán as persoas que acudan pola súa conta, xa que a feira é de entrada libre para particulares e familias, coa exposición de proxectos aberta de 10 a 13 e de 15 a 18h.

Segundo os datos facilitados pola organización, este ano a representación máis numerosa na exposición de proxectos procede dos colexios de Ourense e Pereiro de Aguiar, cun total de 27 equipos defendendo as súas investigacións e inventos.

Galiciencia chega á súa novena edición cunha ampla oferta de actividades paralelas que inclúe a conmemoración do Ano Internacional da Cristalografía e da Agricultura Familiar e do Ano da Biotecnoloxía en España, a través de varios talleres nos que os participantes experimentarán cos cristais e coñecerán cales son os procesos biotecnolóxicos tradicionais da agricultura familiar.

Estos talleres complementaranse con actividades de planetario e robótica LEGO para os máis pequenos e un obradoiro de tecnoloxías punteiras para os maiores, xunto cunha charla sobre a relación entre a ciencia e a música que poderá visualizarse online dende calquera centro educativo de Galicia.

Durante a clausura, ademais da entrega de premios aos mellores proxectos por categorías, darase a coñecer o gañador do concurso de fotografía científica convocado no marco deste certame.

Artigos relacionados

Back to top button