CulturaCulturaEducaciónÚltima hora

Galiciencia abre o prazo para presentar os proxectos científicos

As propostas para participar na feira que se celebrará do 16 ao 18 de novembro, poderán presentarse ata o 23 de outubro
Presentando un dos proxectos na pasada edición de Galiciencia.
Presentando un dos proxectos na pasada edición de Galiciencia.

A Tecnópole (Parque Tecnolóxico de Galicia) abre hoxe o prazo de recepción de proxectos para a Galiciencia 2016, iniciando así o proceso de selección dos 80 proxectos cos que celebrará a súa XI edición. Aos 50 traballos presentados por equipos de estudantes de Secundaria, Bacharelato e FP que competirán polo primeiro premio do certame, sumaranse fóra de concurso 30 proxectos máis de alumnos de Primaria e Educación Especial.

O evento terá lugar entre o 16 e o 18 de novembro nas instalacións do Parque Tecnolóxico de Galicia, no concello ourensán de San Cibrao das Viñas. Os 50 proxectos participantes na competición estarán expostos durante os tres días da feira, mentres que os de Primaria e Educación Especial poderán verse en quendas de 10 proxectos diferentes cada día.

Para participar, o requisito fundamental é formar un equipo de dous alumnos e un profesor e contar a idea, xa sexa un proxecto experimental e tecnolóxico ou un traballo documental, a través do formulario de inscrición que poderá descargarse da página web www.galiciencia.com. O prazo para presentar os proxectos remata o 23 de outubro.

Participantes na Galiciencia 2015.
Participantes na Galiciencia 2015.

Como novidade nesta edición, os equipos seleccionados para expoñer o seu proxecto deberán elaborar unha presentación dixital na que se recollan os aspectos máis relevantes da súa investigación.

Á parte de facilitar o desprazamento mediante autobuses procedentes de toda Galicia e a estancia dos estudantes de Secundaria, Bacharelato e FP en Ourense, ademais de montar a infraestrutura da feira, Tecnópole organiza actividades paralelas para o público e para os propios participantes. Este ano haberá, entre outros, varios talleres relacionados coas matemáticas.

Artigos relacionados

Back to top button