OurenseÚltima hora

Galiciencia arranca este mércores coa participación de estudantes de toda España

Promovida polo Parque Tecnolóxico de Galicia, celebrarase durante tres días de xeito online baixo o lema “A innovación do futuro”

 

“A finalidade de Galiciencia, a feira científica promovida pola Tecnópole con sede en Ourense, é estimular a creatividade e o talento para innovar do alumnado, permitíndolle achegarse á ciencia a través do xogo e a creación e contribuíndo a espertar neles as vocacións científicas”, indica o director xerente de Tecnópole, Ricardo Capilla, adiantando que a 15ª edición, que comeza este mércores, 9 de decembro, e prolongarase ata o venres, será online, debido ás restricións provocadas pola actual situación sanitaria, e poderá seguirse a través do Youtube de Galiciencia e da web www.galiciencia.online. Esta circunstancia permite ampliala a todo o ámbito nacional, podendo chegar así a máis rapaces e rapazas interesados na ciencia, a innovación e a tecnoloxía.

Este certame científico diríxese a estudantes de Primaria, Secundaria, FP e Bacharelato. Nesta edición, que se celebra baixo o lema “A innovación do futuro”, amosarase cara a onde camiña a innovación, cales serán os recursos e procesos que se utilizarán para levar a cabo esa innovación, en que ámbitos da vida se desenvolverá máis e que melloras proporcionará á sociedade ou mesmo as desvantaxes que pode supor.

Esta semana terán lugar diferentes actividades totalmente interactivas. O mércores celebrarase un grande espectáculo de ciencia e os días 10 e 11 realizaranse varios talleres para estudantes de Primaria e Secundaria. Os grupos participantes xa recibiron nos seus centros educativos, de xeito gratuíto, un kit con todo o material necesario para poder formar parte destas experiencias. Os estudantes de Primaria achegaranse ao mundo da electricidade e os de Secundaria, pola súa parte, terán a oportunidade de coñecer máis de preto os segredos da chamada cociña molecular.

 

Artigos relacionados

Back to top button