ConcellosEn portadaGalerías de fotosÚltima hora

Galiñas azuis e enormes laranxas toman as árbores do Malecón do Barco

Estas coloristas figuras, elaboradas polos alumnos dos centro educativos públicos do municipio, colocábanse na tarde do 18 de maio no marco da campaña “Na procura de Carlos Casares”

Hainas das máis diversas formas, tamaños e materiais. Pero todas son da mesma cor: azul. Un sinfín de galiñas e centos de laranxas, elaboradas todas elas por alumnos dos colexios e institutos públicos do Barco e tamén do centro escolar de Rubiá penduran dende a tarde do 18 de maio das árbores do Paseo do Malecón. É unha singular homenaxe, feita polos máis pequenos, ao autor das pezas “A galiña azul” e “As laranxas máis laranxas de todas as laranxas”: o escritor ourensán Carlos Casares, a quen se lle adican as Letras Galegas do 2017.

Na colocación das laranxas e das galiñas participaban membros dos equipos de Dinamización da Lingua Galega dos CEIPs Condesa Fenosa, Julio Gurriarán, Otero Pedrayo, Virxe do Camiño de Rubiá, IES Lauro Olmo e IES Martaguisela (ambos do Barco), acompañados tamén por algúns alumnos.

Esta orixinal iniciativa, que pretende compartir coa sociedade esta celebración literaria, forma parte da campaña “Na procura de Carlos Casares”, promovida polos centros educativos en colaboración co Barco Centro Comercial Aberto (CCA). Inclúe asemade un roteiro literario, a modo de xincana, por 35 establecementos asociados a esta entidade, que locen tamén nos seus escaparates enormes laranxas con títulos de obras galegas.

Fotos: Ángeles Rodríguez.
Máis información e fotos:
https://www.osil.info/os-escaparates-barco-cca-enchense-de-laranxas-xigantes-nas-letras-galegas/
https://www.osil.info/galinas-azuis-na-zona-da-estacion-da-rua/

Artigos relacionados

Back to top button

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies.
Pinche el enlace para mayor información. También puede consultar aquí nuestra política de protección de datos

ACEPTAR
Aviso de cookies
Close