OurenseÚltima hora

Galisenior 2016 aborda a prevención das situacións de fraxilidade nos maiores

Presentan a décima edición do Salón Internacional das Persoas Maiores, que abre as súas portas estes días en Expourense
Presentación de Galisenior 2016, esta mañá no Concello de Ourense.
Presentación de Galisenior 2016, esta mañá no Concello de Ourense.

O Concello de Ourense acolleu este martes, 24 maio, a presentación da décima edición de Galisenior, o Salón Internacional das Persoas Maiores, que se celebrará entre as xornadas de mañá e do xoves (25 e 26 de maio). O eixo central sobre o que xirará a edición deste ano será a prevención das situacións de fraxilidade nos maiores. A cita volve contar co apoio de todos os axentes sociais involucrados na mellora da calidade de vida e benestar deste segmento de poboación. Administracións, empresas do sector, Universidade, colexios profesionais e numerosas asociacións do sector daranse cita neste expositor.

Ao acto de presentación do salón acudiu o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, acompañado da edil de Asuntos Sociais e Sanidade, Sofía Godoy, o xefe territorial da Consellería de Política Social, José Selas, o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández, o presidente do comité asesor de Galisenior 2016, Alberto Vaquero, e a directora adxunta de Expourense, Emma González.

Nesta edición, a feira contará coa participación de medio centear de expositores que mostrarán as últimas novidades nos servizos para a terceira idade. Pero tamén haberá un apartado adicado a xornadas técnicas, especialmente enfocado para profesionais. Nelas participarán 40 relatores de España e Portugal.

Estarán especializadas no tema principal deste ano, na prevención de situacións de fraxilidade nas persoas maiores. Pero ademais tocarán outros temas como a promoción da autonomía baseada nas novas tecnoloxías, experiencias na promoción do avellentamento activo e saudable ou recomendacións nutricionais, entre outros.

Canto ás actividades para maiores, na área de participación activa Galisenior presenta unha oferta con máis de 50 programas diferentes, dirixido a todos aqueles visitantes -persoas mairoes e familias ou coidadores-, que pretende fomentar a adopción de hábitos saudables e preventivos.

A feira estará aberta en horario de 10 a 14h e de 16 a 19h ambos os dous días. A entrada e a participación nas actividades son gratuitas. Para asistir ás xornadas técnicas haberá que inscribirse previamente.

Artigos relacionados

Back to top button