Cando Kepa Junkera imaxinaba o que logo se convertiría no libro-disco “Galiza” ocurríuselle meterse “na pel dos galegos, metaforicamente falando, e podía telo feito con traxes de baile ou de músicos, pero parecíame moi curioso o mundo do Entroido”, tal e como explicaba el mesmo. De aí que escollese como imaxe para a súa carátula unha representación dalgunhas das imaxes máis senlleiras do Entroido ourensán.
Era asemade un traballo no que este músico vasco rendía unha emotiva homenaxe á relación que mantén dende hai tres décadas coa música tradicional galega, pola que sente auténtica devoción. “Galicia posúe unhas melodías preciosas e, como compositor que tamén son, sei o difícil que resulta que teñan traspasado tantas xeracións e que teñan calado e chegado ata hoxe para que podamos emocionarnos con ellas”, comentaba nunca entrevista concedída ao Periódico O Sil.
Pouco máis dun ano despois da presentación deste traballo, editado por FOLMUSICA, Junkera ten sido premiado como mellor “BEST PACKAGED DEL 2014” pola BBC. Así o álbume “Galiza” vén de ser recoñecido como mellor proxecto da world music do 2014, votado polos mellores críticos do mundo.
Este recoñecemento chégalle ademais en medio da xira presentación do seu último proxecto: “Kepa Junkera & Sorginak– Unha pequeña historia da trikitixa”. E coincide asemade nun mes de decembro no que ten previsto voltar a Galicia, e máis en concreto a terras ourensás, para actuar o 20 diciembre no 25 aniversario da Banda de Gaitas de Xinzo de Limia.
Texto: Ángeles Rodríguez