PolíticaÚltima hora

Galiza Nova critica a situación do transporte público por estrada en Valdeorras

O responsable comarcal da formación, Daniel Calvo, ofrecía unha rolda de prensa na estación de autobuses do Barco na que aseguraba que a comarca precisa dun “transporte pensado por e para a xente de aquí”

 

Daniel Calvo, responsable de Galiza Nova Valdeorras, durante a rolda de prensa.

Escasez de liñas regulares, dificultades de combinación e prezos das viaxes. Son algúns dos problemas do transporte público de autobús en Valdeorras que denuncian os membros de Galiza Nova en Valdeorras. “Volver a casa este ano dende Santiago de Compostela ata O Barco de Valdeorras custa máis 25 euros e leva de media tres horas”, aseguraba Daniel Calvo, responsable de Galiza Nova en Valdeorras, nunha rolda de prensa convocada na estación de autobuses barquense na mañá do 2 de xaneiro. “Isto fai”, engadía, “que teñamos dificultades para volver a casa nestas datas dende o lugar no que estudamos ou traballamos”.

 

Suso Vilasánchez, responsable comarcal do BNG.

Dende Galiza Nova incídese en que Valdeorras precisa dun “transporte pensado por e para a xente de aquí, e non que estea mirando unicamente cara fóra. De nada nos serve poder viaxar fóra do país se para movernos por el temos tantas dificultades. Dificultades que tamén atopamos nas liñas regulares, como por exemplo na liña A Gudiña – O Barco sae ás 7:00 e volve ás 19:00. Esta liña pasa por Viana, poboación onde suprimiron unha liña das 9:30h, a cal era bastante demandada, xa que subía de volta ás 14:00h, para que a xente que baixara ao Hospital Comarcal Valdeorras puidera tornar á súa casa. Existe unha gran deficiencia no concello da Veiga, xa que non ten servizo diario, e o servizo queda posto a demanda, isto quere dicir que a xente que queira debe chamar á empresa con dous días de antelación para que o bus vaia ao concello”.

Daniel Calvo, que estivo acompañado na rolda de prensa por Suso Vilasánchez, responsable comarcal do BNG; aseguraba que “todos eses mapas das liñas regulares están feitos pola Xunta e impostos ás empresas, xa que ninguén contou coa súa opinión para facelos. Tamén dicir que o transporte escolar queda introducido nas liñas regulares, tendo este prioridade sobre as devanditas liñas. Mais os nenos van ir acompañados de calquera tipo de persoas”.

 

O responsable de Galiza Nova en Valdeorras, con membros do BNG na comarca.

Nese sentido Galiza Nova Valdeorras presentou dentro das “50 medidas para liberar a mocidade galega”, cinco referidas de xeito concreto ao transporte: unha rede ferroviaria “moderna e adecuada ó século XXI, cunhas condicións de seguridade óptimas e que vertebre todo o país”, “contaremos co Galtren, un tren de proximidade galego que permita enlazar os núcleos de poboación arredor das cidades dun xeito económico, ecolóxico e eficaz”, “a política de transporte cubrirá as necesidades de conectar por estrada os entornos urbanos e rurais, de xeito que existan liñas de transporte regular en autocar, incluído o transporte escolar, acorde ás necesidades das mozas do país”, “eliminaranse as peaxes nas autoestradas galegas” e “potenciarase o transporte público mediante tarifas asequibles para a mocidade”.

Artigos relacionados

Back to top button