EconomíaEconomíaGalerías de fotosViticultura

Gallaecia comeza en Monterrei o seu periplo de catas polas denominacións galegas

As súas valoracións servirán para seleccionar os viños que pasarán á cata final que decidirá as Distincións Gallaecia 2016

A sede do Consello Regulador da Denominación de Orixe Monterrei, en Verín, acollía a primeira das catas de viños para outorgar as Distincións Gallaecia 2016. Tiña lugar o 30 de xuño e nela un equipo de once catadores (entre eles sumilleres, enólogos e membros do panel de cata de calificación de Monterrei) valoraban, en dous paneis de cata, un total de 46 viños (28 brancos e 18 tintos).

Despois da cata, o secretario xeral da Asociación de Sumilleres Gallaecia (entidade organizadora deste concurso), Alejandro Paadín, comentaba que a meirande parte dos viños puntuados corresponden á última añada e definíaos como “viños persistentes, longos e que marcan territorio”. Asemade resaltaba que a excelente calidade da colleita 2015 “permitíu marcar en todo o seu esplendor as variedades e a denominación”.

Referíndose en concreto aos brancos catados, Paadín sinalaba que se ten “marcado a raza da variedade godello, notas vexetais e froita madura”, mentres que, no caso dos tintos, apuntaba que “son moi aterciopelados, con tanino pulido e maduro, pero mantendo a características frescura atlántica”. Para o secretario de Gallaecia esta é “unha añada de redondez e equilibrio que se reflexa tanto nos brancos como nos tintos”.

Os viños mellor valorados pasarán á cata final das Distincións Gallaecia, un premio que acostuma decidirse a finais do verán e que na pasada edición batía récords de participación cun total máis de 593 mostras de todas as denominacións galegas. Este certame conta co marchamo da Xunta de Galicia e do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente que o avala como “Concurso de Viños Oficialmente recoñecido 2016”.

A partires de agora, os catadores de Gallaecia seguirán percorrendo as outras catro denominacións de orixe galegas para valorar os seus viños: Ribeiro, Valdeorras, Ribeira Sacra e Rías Baixas.

Fotos cedidas polo CRDO Monterrei.

Artigos relacionados

Back to top button