EconomíaEconomíaOpiniónÚltima hora

Gandaría rexenerativa en época de megaincendios

Artigo de opinión de Antonio Tucci Colace, técnico asesor da Asociación Natureza Holística

Unha das explotacións da provincia de Ourense que desenvolve a gandaría rexenerativa./ Foto cedida.

 

Arestora, mentres se redacta este texto, están a arder miles de hectáreas no territorio galego. É neste momento no que todos lembran o rural, sempre nos malos momentos. E por suposto, lonxe de querer asumir responsabilidades, botamos a culpa do sucedido ao que iniciou o incendio. Sen querer restar a responsabilidade a eses individuos desdeñables, creo que chegou o momento de reflexionar sobre o uso que estamos a facer do noso territorio.

Dunha forma progresiva fomos pensando, e fixéronnos crer, que os nosos montes non son produtivos, que había que abandonalos. Logo vendéronnos a alternativa dos monocultivos forestais para eses terreos, concepto agora que falsamente nos galardoa como “secuestradores de CO2”. A realidade é que tanto o monte abandonado como eses monocultivos arden e volven á atmosfera en forma de CO2.

Compensarán este CO2 as empresas que queren comprar as súas emisións con plantacións no canto de cambiar os seus sistemas produtivos? Ou metémolo na caixa da “dinámica natural”? En realidade o CO2 acumulado na madeira ten unha permanencia curta posto que esa biomasa, baseada en especies de rápido crecemento, volve á atmosfera no momento no que é queimada de volta. A súa conversión en papel non é moita mellor opción, xa que aínda que o proceso é considerado neutro en carbono non é negativo, que é o que buscamos. Ademais déixanos uns residuos contaminantes ricos en alcois, cloratos, metais pesados e axentes quelantes.

Moito se fala das desvantaxes dos incendios: perda de paisaxes únicas, liberación de CO2, destrución do chan fértil, erosión, danos a infraestruturas públicas e privadas… pero as solucións que nos ofrecen son sempre conservadoras e baseadas en proxectos que non ofrecen beneficios ecosistémicos, nin paisaxísticos, nin de captura de CO2 a medio-longo prazo; por exemplo os xa mencionados monocultivos forestais.

Desde a gandaría rexenerativa propoñemos mirar máis abaixo, xusto baixo os nosos pés. É no chan onde temos a solución. O chan non só é un sumidoiro de carbono con máis do dobre de capacidade que a vexetación, senón que a diferenza desta última, ese carbono pode quedar alí estable durante séculos se ese chan non é agredido, e por que non dicilo, tamén xerando unha paisaxe a proba de incendios. E a forma de almacenar o CO2 no chan require das tecnoloxías máis avanzadas do planeta pero que non son patentables por ninguén: as plantas e os herbívoros.

Como abordamos isto desde a nosa proposta de Gandaría Rexenerativa? A primeira medida é apelar á lóxica e desenvolver unha visión holística, de conxunto, ao desenvolvemento territorial que teña en conta todos os factores, o territorial pero tamén o social e o económico e que achegue unha visión proxectada a medio e longo prazo.

Neste vórtice no que os nosos montes “non valen” e os destinamos a cultivos forestais ou os abandonamos, estamos a importar a astronómica cifra de 12.905.486 toneladas entre millo e soia só en 2018 para nosa cabana gandeira. Mentres os nosos montes arden por abandono, paralelamente arde a Amazonía para poder compensar o que os nosos montes deixaron de producir. Resulta dantesco. Non será mellor reformularse un sistema que aquí nos fai dependentes dun barco que chega dende 7000 km de distancia mentres que a nosa contorna arde sen solución e os pobos se baleiran?

As plantas e os herbívoros nunha danza que ten millóns de anos fóronse compenetrando nun ciclo de creación de materia orgánica e captura de CO2: crecen as plantas, comen os animais, o esterco nutre as plantas e volta a empezar. Neste proceso acumúlase materia orgánica no chan (que contén carbono) e aos poucos poderiamos remover todo o CO2 extra da atmosfera a un custo ridículo. Algúns apuntan a que a escala global levaríanos menos dunha década.

Evidentemente non é tan sinxelo. Necesitamos traballar cos animais dunha maneira adecuada debido a que se se realiza o xeneralizado mal uso das praderías volveriamos ter os efectos negativos xa citados: liberación de CO2 por mor da compactación e a erosión, perda de fertilidade etc. Neste punto é onde a gandería rexenerativa ten moito que ofrecer posto que o seu obxectivo é xustamente potenciar ese ciclo planta-animal seguindo a mesma tecnoloxía que a natureza vén perfilando desde millóns de anos para bombear fertilidade ao chan e obter á vez produtos de alta calidade. Neste ciclo, evidentemente, non teriamos tanta biomasa arbustiva nos nosos montes e os riscos de incendios, grazas a estas devasas produtivas, reduciríanse drasticamente.

Necesitamos polo tanto reflexionar, pensar e debater sobre que modelo territorial queremos e onde queremos destinar o noso diñeiro, o de todos, o dos nosos impostos. Queremos seguir cunha dinámica que, lonxe de evitar os incendios, os aumenta ano tras ano e, con eles, o gasto en extinción? Ou decidímonos máis ben por unha política territorial que permita non só evitalos senón, desde un enfoque holístico, reverter os efectos do cambio climático, asentar poboación rural, producir alimentos de excelsa calidade e diminuír a nosa dependencia do exterior?

Cando imparto algunha formación hai unha metáfora que sempre uso: se nos están dando cun martelo na cabeza podemos usar ibuprofeno para sempre para a hemicrania ou podemos evitar que nos dean na cabeza e que a dor cese para sempre.

“Deixa que a natureza sexa a túa mestra”.

Texto: Antonio Tucci Colace, técnico asesor da Asociación Natureza Holística

Máis información:
redes sociais Natureza Holística ou naturalezaholisticaholipet@gmail.com

Artigos relacionados

Back to top button