En portadaGalerías de fotosÚltima hora

Gandeiros e agricultores do oriente ourensán concéntranse nas oficinas agrarias de Viana e da Gudiña para pedir axudas pola seca

Presentaban dous escritos, un dirixido ao presidente da Xunta e outro á conselleira do Medio Rural, nos que solicitan “solucións urxentes” antes as perdas sufridas para evitar así o peche de explotacións

Unhas 80 persoas concentrábanse a partires das dez da mañá do 31 de agosto na oficina agraria comarcal de Viana do Bolo. O mesmo sucedía na oficina agraria da Gudiña. Eran gandeiros, agricultores e apicultores de montaña da parte oriental da provincia (concellos de Viana do Bolo, Vilariño de Conso, O Bolo, A Veiga, A Mezquita, A Gudiña, Riós e Vilardevós) que, a través de Unións Agrarias) presentaban dous escritos dirixidos á Xunta nos que solicitan “solucións urxentes” ante a difícil situación económica que atrevesa esta zona de montaña xa que as súas tres principais producións (castaña, gandería de carne e apicultura) están gravemente afectadas pola combinación das xeadas deste ano coa persitente seca. Isto fai que “as explotacións da zona corran o risco de arruinarse e desaparecer”, alertan.

Nos documentos explican que “as producións de centeo, herba, castaña e mel quedaron arrasadas en moitos casos por completo” e que os produtores sufriron “perdas superiores ao 80% da produción”. Ante esta conxuntura e o custo económico que isto supón, din, “as nosas explotacións necesitan un trato diferente e o apoio da Administración”. E tamén aseguran nos escritos que “sorprende que na lexislatura actual, cualificada polo presidente da Xunta de Galicia como a do rural galego, polo especial interese que se lle ía prestar, se esquezan os compromisos e se estea dando ás costas á viabilidade das nosas explotacións, que están en xogo neste momento nunha zona tan abandonada de Galicia. Os concellos da montaña de Ourense Oriental tamén somos Galicia”.

Por iso solicitan que, “con urxencia, se habiliten solucións para estes sectores que poidan paliar as perdas sufridas e evitar o peche das nosas explotacións”.

Os produtores acordaban ademais manter de xeito semanal unha concentración ás portas das oficinas agrarias todos os xoves ata ter unha resposta por parte da conselleira Ánxeles Vázquez, “quen onte afirmaba descoñecer calquera solicitude de reunión por parte dos produtores, cando desde Unións Agrarias se lle teñen remitido cinco escritos neses sentido”, segundo Unións Agrarias, que din que dende maio enviaron cinco solicitudes de reunión con Medio Rural.

Artigos relacionados

Back to top button