A GudiñaA MezquitaConcellosO BoloÚltima horaViana do BoloVilariño de Conso

Gandeiros da montaña do oriente ourensán maniféstanse por “uns prezos xustos” en Ourense

A capital da provincia acollía neste mediodía unha marcha reivindicativa para "denunciar a grave crise de rendabilidade" que sofre sector

 

Un cento de gandeiros dos municipios de Viana do Bolo, Vilariño de Conso, O Bolo, A Veiga, A Mezquita e A Gudiña sumábanse esta mañá en Ourense á manifestación convocada por Unións Agrarias (UUAA) para “denunciar a grave crise de rendabilidade” que atravesa este sector en Galicia e para “demandar o cumprimento da Lei de Cadea no sector cárnico de vacún”.

A marcha dos produtores, encabezada por unha pancarta coas consignas “polo noso traballo, polo nos produto, prezos xustos!!!”, partía das portas da Subdelegación do Goberno na cidade e finalizaba fronte á Delegación da Xunta. Nas dependencias da administración galega, varios representantes de Unións Agrarias, entre eles a vianesa María Páez, facían entrega por escrito das súas reivindicacións para a mellora do sector.

 

 

“Os produtores das explotacións de carne da provincia de Ourense levan perdidos no que vai de ano máis de 3,6 millóns de euros polos incremento dos custos de produción; que unidos aos danos causados polo lobo teñen ás ganderías contra as cordas”, aseguran dende UUAA, que volvía demandar hoxe “a implicación da Xunta de Galicia para poñer en marcha un observatorio público que elabore custos de produción adaptados á realidade das explotacións galegas, que sirvan de referencia á hora de facer cumprir a Lei de Cadea Alimentaria”.

Segundo as estimacións desta organización sindical, “producir un quilo de carne custa arredor de 5,4 euros sen ter en conta man de obra. Unha cifra ata un 25% superior á que están a percibir os gandeiros galegos pola venda desa mesma carne”. Asimesmo, Unións reivindicaba “a necesidade dun cambio no marco de relacións entre gandeiros e matadoiros e o emprego de contratos de abastecemento por escrito, tal e como marca a lexislación vixente”.

Por outra banda, UUAA insistía en pedir “a colaboración das administracións central e autonómica para impulsar unha xestión efectiva e realista da fauna salvaxe; máis concretamente do lobo; que garanta a seguridade da poboación que convive con esta especie e a supervivencia da actividade gandeira”. Nese senso, UUAA reclama “non só a reactivación da liña de axudas públicas para cobertura dos ataques ao gando; senón tamén unha actualización duns baremos totalmente desfasados, de xeito que se contemple non só o valor real de mercado dos animais atacados senón tamén o lucro cesante provocado ás explotacións afectadas”.

Fotos: UUAA.

Artigos relacionados

Back to top button