ConcellosÚltima hora

Gandeiros do oriente ourensán reclaman na Coruña “prezos xustos polos nosos produtos”

Participaban neste mediodía nunha concentración convocada por Unións Agrarias fronte á Delegación do Goberno en Galicia

Os bombos e as aixadas soaban neste mediodía de 19 de febreiro fronte á Delegación do Goberno en Galicia na Coruña. O toque do fulión non saía desta volta polo Entroido, senón para poñer son a unha reivindicación dos gandeiros que viven no rural da montaña oriental ourensá, que pedían “polo noso traballo, polos nosos produtos, prezos xustos”.

Así produtores de carne de vacún de municipios como Viana do Bolo, A Veiga, Vilariño de Conso, A Mezquita, O Bolo e A Gudiña participaban na concentración convocada por Unións Agrarias (UUAA) na Coruña para pedir uns prezos dignos para a produción gandeira do rural galego.

Nas diferentes intervencións deste acto explicábase o complexo e difícil que resulta sobrevivir neste sector “cando os prezos son menores que os de hai 40 anos”. Unha das persoas que tomaban a palabra era María Páez, secretaria comarcal de Unións Agrarias en Viana, quen sinalaba que “o sector da carne está pasándoo moi mal. O único que pedimos e o único que queremos, porque estamos orgullosos de ser quen somos e de ser gandeiros, é poder vivir do noso traballo libremente”.

Unha representación dos manifestantes reuníase ademais co delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, a quen lle daban traslado das reivindicacións do sector.

Fotos cedidas.

Artigos relacionados

Back to top button