CulturaCulturaÚltima hora

García Tato presenta en Santiago o seu libro sobre as minas de wolfram de Valborrás

Nesta obra o investigador valdeorrés localizaba, examinaba, ordenada e estudaba o fondo documental do Arquivo Histórico Provincial de Ourense relativo ao destacamento penal das minas de Casaio

Dúas semanas despois de presentar na súa comarca natal, Valdeorras, o libro “El destacamento penal de las minas de Valborrás de Casaio (Carballeda de V.)”, o investigador Isidro García Tato realizaba unha nova presentación da súa obra, desta volta en Santiago de Compostela.

O acto tiña lugar na mañá do 2 de febreiro na Dirección Institucional do CSIC en Galicia e nel participaban, ademais do autor, o conselleiro de Educación, Román Rodríguez; o delegado institucional do CSIC en Galicia, Eduardo Pardo de Guevara; o secretario de “Anejos de Cuadernos de Estudios Gallegos,” Pablo S. Otero; e o presidente do Instituto de Estudios Valdeorreses (IEV), Aurelio Blanco.

Este libro, no que García Tato, examina, ordena, transcribe e estuda o fondo documental relativo ao destacamento penal das minas de Casaio, ten sido editado polo CSIC. “Presenta os resultados dunha investigación do amplo e desordenado fondo documental custodiado no Arquivo Histórico Provincial de Ourense e en arquivos familiares sobre o destacamento, establecido nas minas de wolfram de Valborrás dende novembro de 1942 ata xullo de 1944”, en palabras de Isidro García Tato.

Son preto de 800 páxinas, estruturadas en sete capítulos que se suman ás conclusións e a un amplo apéndice documental dividido en cinco bloques: explotación das minas de wolfram, destacamento penal de Valborrás, accidentes e enfermos durante o tempo que durou o destacamento, exhumación dos restos do penado andaluz Miguel Cardeñas e documentación fotográfica das dúas últimas épocas da explotación mineira.

A obra, que ten sido galardoada xa na XI edición do Premio de Investigación Tertuliano Hervella (que convoca o IEV), finaliza cunha breve referencia á Xunta Local de Servizo de Liberdade Vixiada do municipio de Carballeda, constituída o 23 de setembro de 1943 para controlar e regular a poboación en liberdade vixiada que seguiu traballando nas minas de Valborrás como nunha filial de Renfe, denominada Explotación Forestal “La Cabrera”, dedicada á tala, construción, transporte polo río Casoio de travesas de rebolo, destinadas á vía férrea.

Nesta galería de imaxes poden verse diferentes momentos da presentación realizada en Santiago.

Artigos relacionados

Back to top button