EconomíaEconomíaÚltima hora

O GDR Valdeorras xestionará 3,8 millóns de euros ata o 2020

A presidenta e o persoal técnico desta entidade, que agrupa aos nove concellos da comarca, facían balance dos primeiros meses de actividade
O GDR7 convocaba unha rolda de prensa para facer balance dos primeiros meses de actividade do grupo./ Foto: A.R.

No seu primeiro semestre de actividade o Grupo de Desenvolvemento Rural de Valdeorras (GDR7) conta con 11 proxectos financiados por valor de 345.000 euros. Deste total tan só un é un proxecto produtivo: a modernización de equipamentos para a realización de actividades recreativas nas zonas rurais da comarca, cun orzamento de 32.000 euros.

Os outros dez son proxectos de diverso tipo presentados polos concellos valdeorreses. Así favorecerase a instalación de puntos de rede wifi en Petín (5.800 euros) e mellorarase a accesibilidade no seu telecentro (38.000 euros), acondicionarase o espazo urbano da ponte Casaio en Carballeda (50.000 euros), faranse melloras no centro apícola veigués de Prada (30.000 euros), adaptarase o telecentro de Freixido en Larouco (18.000 euros), acondicionarase o entorno da capela dos Navallos de Celavente no Bolo (57.000 euros), rehabilitarase a Casa dos Camineiros de Viloira (50.000 euros) e favorecerase a mellora ambiental da Reza-O Aguillón na Rúa (17.000 euros). Ademais o Concello de Rubiá rehabilitará un tramo da Via Nova ao seu paso polo Parque Natural da Serra da Enciña da Lastra (26.500 euros) e levará a cabo obras en Oulego e Robledo para recuperar patrimonio natural e cultural (18.000 euros).

Para asignar investimento a estes proxectos, o GDR7 priorizou aqueles que contribúan a superar o illamento do territorio “a través da creación e mellora de servizos dirixidos á poboación rural. Ademais deu preferencia aos que contribúan á conservación e mellora do medio ambiente a través dunha xestión eficiente dos recursos e tamén a aqueles que fomenten a mellora da competitividade produtiva e os índices de emprego no territorio”, segundo explicaba a presidenta deste GDR e alcaldesa de Carballeda, María Carmen González, quen estaba acompañada na rolda de prensa por persoal técnico do grupo.

 

A presidenta do GDR7, nun dos momentos da rolda de prensa./ Foto: A.R.

Ademais o xerente do GDR7, Luis Rodríguez, anunciaba que teñen previsto realizar unha serie de charlas informativas polos concellos de Valdeorras para “informar aos veciños sobre os proxectos que van a financiarse”. Neste obxectivo de difusión enmárcase tamén un seminario específico co obxectivo de analizar as claves do Plan Leader para o desenvolvemento rural da comarca, que terá lugar o mércores 11 de outubro na Casa Grande de Viloira (O Barco).

O GDR7 é un dos seis que están operativos na actualidade na provincia de Ourense e xestionará 3,8 millóns de euros ata o vindeiro ano 2020. Neste senso, os responsables deste grupo animaron aos emprendedores a preparar e presentar proxectos de cara á vindeira convocatoria do 2018.

Artigos relacionados

Back to top button