PolíticaÚltima hora

Gerardo Seoane volve presentarse como candidato socialista á alcaldía de Verín

O actual rexedor deste municipio repite por segundos comicios consecutivos coa intención de revalidar o bastón de mando para proseguir os avances “nunha vila que ten xa un proxecto de cidade”
Gerardo Seoane repetirá como cabeza de lista do PSdeG-PSOE en Verín.

A agrupación municipal socialista de Verín vén de escoller a Gerardo Iglesias Seoane como o seu candidato á alcaldía nas vindeiras eleccións municipais de maio. O actual alcalde repetirá desta forma por segundos comicios consecutivos co fin de revalidar o bastón de mando para proseguir os avances “nunha vila que ten xa un proxecto de cidade”.

Gerardo Seoane explica que se presenta ás eleccións “coa intención de continuar o traballo que empezamos hai 4 anos e que aínda non está completo. A veciñanza é consciente do noso proxecto e acéptano porque están vendo os grandes avances que lles supoñen a eles no seu día a día. O goberno anterior vivía de privatizacións e empregaba o concello coma se fora un negocio, algo que ca nosa chegada cambiou a favor do traballo polos veciños e veciñas”.

O rexedor socialista remarcou que “tralo abandono na que estivo sumida a vila durante case 20 anos, iniciamos grandes obras de renovación rúa a rúa, de estradas, camiños, zonas verdes, prazas, instalacións eléctricas. Xeramos novas prazas de aparcamento e apostamos pola mobilidade, a accesibilidade, o medio ambiente, os servizos sociais e a humanización da cidade , sen esquecernos por suposto do eido cultural, onde nos convertemos no referente do sur de Galicia”.

O candidato socialista explica que “traballamos coas premisas de cidade en tódolos aspectos. No aspecto de mobilidade, no aspecto da cidade de servizos, imos transformar Verín nunha cidade do coñecemento, que require menos investimentos que unha cidade industrial ou loxística, aínda que tamén imos contar con estes dous apartados dentro deste concello. Estamos na época do coñecemento. A nosa idea é que se instalen e empresas que compartan o seu traballo con outros países”, e apunta “nestes 4 anos colocámonos nun nivel no que creemos que pode estar a nosa vila e non no que estaba antes, cando non había nada”.

Artigos relacionados

Back to top button