EntrevistasÚltima hora

Germán Rodríguez-Saá: “Queremos chegar aos 92 concellos da provincia”

O presidente da AECC en Ourense prepara un plan estratéxico para o 2022 que aposta pola descentralización para poder acceder “ao maior número de pacientes potenciais e familias”

Germán Rodríguez-Saá asumía en xuño a presidencia da Asociación
Española contra o Cancro en Ourense.

 

Chegar ao conxunto da provincia “sen distinción, nin discusión”. Germán Rodríguez-Saá marcábase este ambicioso reto ao asumir o pasado xuño a presidencia da Asociación Española contra o Cancro (AECC) en Ourense. E arredor del xira o plan estratéxico 2022 no que vén traballando dende entón e que incluirá, entre outras iniciativas, establecer convenios cos diferentes concellos. “Ourense ten unha fisonomía moi diferente a outras provincias, hai que coñecela ben, e lograr que os servizos que prestamos cheguen a todas as persoas, con independencia de onde estean e como estean. Isto non é unha asociación da capital, senón de toda a provincia”, matiza.

Xunto coa descentralización e coa equidade, reivindica o valor da presencialidade. “Aínda que esteamos no século XXI e haxa acceso a páxinas web, ou poidamos dicir en redes sociais que somos e o que facemos, a nosa xente entende de persoas. A un veciño dunha aldea non lle podes dicir que entre nunha web para saber dos nosos servizos, debemos facer un esforzo fundamental en que os ourensáns coñezan onde estamos e o que facemos, por iso iremos a un voluntariado importante”.

Este empresario, vinculado ás enerxías verdes e ás organizacións do terceiro sector, non tiña relación directa con AECC ata que lle propuxeron a presidencia. “A miña primeira reacción foi de sorpresa, porque non esperaba en absoluto esa chamada. Agradecina moito, pero dixen que non. Pensei na responsabilidade que significa o cargo, considerando que debería collelo alguén con tempo necesario para xestionar a totalidade de recursos da asociación, que non son poucos; e, á vez, pensei no momento laboral no que estou e na miña familia, teño muller e dúas fillas”, conta. Pero cando falou na casa da proposta, a situación deu un xiro completo.

“No confinamento comentamos a sorte que tiñamos de gozar de relativamente boa saúde, de ter unha situación laboral estable e a familia ordenada, e falamos de axudar dalgún xeito entre todos cando todo isto pasase. E iso foi o que me recordaron as miñas fillas ese día. Comezamos a valorar a idea, expliqueilles que me ía restar moito tempo familiar e a súa resposta foi que ao mellor o tempo familiar había que telo na asociación, e, entón, xa non houbo máis que dicir”. E así no inicio do verán Rodríguez-Saá tomaba as rendas da AECC en Ourense aportando “unha visión diferente” para mellorar os servizos, prestacións e recursos que a entidade ofrece á poboación da provincia.

A finais de novembro Rodríguez-Saá convertíase no primeiro ourensán en ser nomeado membro da Comisión Nacional de Nomeamentos e Retribucións que depende do Consello Nacional da Asociación Española contra o Cancro, a proposta do presidente nacional.

¿Como teñen sido estes primeiros meses á fronte da asociación?

Coincidiron cun momento de transición complicado, verán por medio, con cambios internos, e tamén usei ese tempo para formación. Teño coñecementos en xestión, en orde de recursos, en comunicación…, pero son un profano nesta asociación, o que pode ser un hándicap, pero tamén unha virtude porque permite ver os problemas; e cando chego a un sitio intento empaparme, e de feito, estouno facendo. Ademais, nestes meses estiven dimensionando un plan estratéxico para chegar a cubrir eses problemas que detectei e, á vez, estiven seleccionando a xunta provincial, que se constituirá en novembro.

¿Como é?

Moi participativa. Das sete persoas que a configuran, só coñecía a unha. Algo que fago sempre é intentar rodearme dos mellores, así que escribín nun papel o perfil que quería en función do posto (secretaría, tesourería, vicepresidencia…) e dentro de cada un deses perfís buscouse a profesionais de recoñecido prestixio. Como novidade imos incorporar un vogal técnico, un oncólogo, que será tamén o presidente do primeiro comité técnico da historia da provincia; e un vogal de farmacia.

Penso que conseguimos formar un bo equipo de traballo a nivel de xunta provincial. O equipo laboral xa existía (con 9 traballadores de diferentes perfís), pero necesitabamos unha capa por riba del que tivera coñecemento da radiografía perfecta da provincia en cada unha das competencias da xunta provincial para conseguir o plan estratéxico que estamos preparando para o 2022.

¿Cales serán as liñas mestras deste plan?

O obxectivo prioritario é a descentralización. É certo que xa estamos en determinadas zonas da provincia, en cabeceiras de comarca, pero debemos estar en todas as vilas e municipios posibles. Nese senso, estamos redactando a nivel xurídico un convenio para sentarnos cos alcaldes e alcaldesas e intentar establecer unha relación bidireccional na que presentemos os servizos e axudas da AECC na provincia e, dese xeito, poder ter unha maior presenza nos municipios. E iso cunha compensación económica simbólica por parte dos concellos, que estableceremos probablemente nun euro por habitante do municipio.

Non nos imos limitar aos recursos actuais, cunha traballadora social en Verín/Xinzo e unha psicóloga na zona do Barco; senón que, unha vez se asinen eses convenios, queremos incrementalos con máis persoal para dar máis servizos e chegar a máis poboación. En definitiva, o obxectivo estratéxico é chegar aos 92 municipios. Ademais pretendemos incrementar o voluntariado. A radiografía desta provincia é moi diferente á doutras, aquí non lle podes dar unha páxina web ou un teléfono a unha persoa en Xunqueira de Ambía ou en Vilariño Frío porque seguramente non van acceder a ela ou non van chamar.

Por iso hai que crear cultura de voluntariado na zona na que esteamos. Non digo que teñamos voluntarios en todas as aldeas, porque é imposible, pero estamos vendo cales son as cabeceiras de comarca e de municipio e a quen ten como referentes a veciñanza para así establecer un foco de actividade, de forma que, cando xurda un problema, poidamos detectalo para que esas persoas se deriven á asociación e se beneficien dos seus servizos e axudas, que en moitos casos descoñecen. Somos unha asociación moi reactiva, hai un problema e xa nos buscan porque alguén nolo deriva, pero debemos ser máis proactivos, buscar nós á xente e chegar directamente a ela, comunicarnos coas persoas que non están enfermas para que sexan un fío condutor do labor que facemos para aqueles que si están enfermos.

Outra das novidades que mencionaba é a creación dun comité técnico na provincia, ¿que se pretende con iso?

Non é obrigatorio telo, pero eu negábame a non ser unha provincia igual que Madrid, Barcelona, Bilbao, Sevilla… Isto vai permitir que a AECC fixe en Ourense unha sede con alguén que poida reclamar parte dos recursos que se xeran na asociación a nivel estatal para a investigación que consideremos na provincia. Estará presidido polo vogal técnico, que nos vai dar a posibilidade de exprimir as sinerxías que temos entre a asociación e o Sergas, e tamén de investigar.

 

Germán Rodríguez-Saá, con membros do equipo da AECC en Ourense.

 

¿Que tipo de servizos presta nestes momentos a AECC na provincia?

Os nosos servizos derivan de tres liñas fundamentais, unha delas a prevención, cunha serie de programas condicionados a diferentes campañas anuais con actividades cuxo obxectivo é previr a enfermidade e que acompañan ás sanitarias, como son as de detección precoz, cribados, alimentación, rutas saudables… Ademais, focalizándonos nos pacientes e nas súas familias desenvolvemos programas de atencion psicolóxia, reforzando a atención primaria na sanidade, é dicir, que cando por desgraza se detecta a enfermidade xa dende o propio centro hospitalario se deriva a esas persoas aos nosos psicooncólogos. Iso estase cubrindo no Barco, en Xinzo, en Verín e en Ourense.

Por outra banda, contamos cuns servizos de axudas que veñen determinados por un traballo social. Hai que ter en conta datos como que un 15% das mulleres ás que se lles diagnostica un cancro de mama pasan a estar nun estado de vulnerabilidade laboral porque ou eran autónomas ou tiñan un salario inferior ao salario mínimo interprofesional, ou son directamente despedidas ou deixan o traballo. Polo tanto, nós analizamos cada unha das situacións, xa que dispoñemos de especialistas en traballo social, e aportamos axudas que van dende pisos tutelados, que agora mesmo non existen na provincia pero estamos analizando a posibilidade de telos; ata axudas económicas como pode ser unha cantidade mensual nun mes ou aprobada para varios meses se a situación laboral, de enfermidade e persoal require ese aporte.

Tamén hai un servizo de análise de axuda a domicilio, no que se valora se a persoa necesita dun asistente social, e logo existen programas adicados aos enfermos e relacionados con diversos talleres. É o caso do programa “Vitalia”, con reunións de enfermas de cancro unha fin de semana nunha casa de turismo rural para facer talleres e terapias conxuntas. Este programa realizábase antes da pandemia en Galicia e consolidouse de tal xeito que agora a asociación quere replicalo a nivel estatal.

Por outra banda, temos bancos de materiais ortopédicos, de camas articuladas, de perrucas… para favorecer a dignidade das persoas ou a facilidade de estar na casa neses últimos momentos. Nós queremos estar no conxunto da provincia e, nese senso, estamos analizando as cifras e a tipoloxía de casos que atendemos en función dos lugares para saber onde nos temos que reforzar. Ademais, imos incorporar dúas novas liñas: a de fisioterapia, de maneira inminente; e a de logopedia.

Tras o tempo que leva presidindo a asociación, ¿por que diría que é importante o seu labor nunha provincia como Ourense?

Primeiro porque se demostrou que cando chega unha pandemia a sanidade pública é clave e que a investigación non só é importante, senón definitiva xa que nos está permitindo volver saír á rúa, entón hai que ter presente que cada ano se rexistran case tantos mortos por cancro como houbo polo Covid, así que débese poñer o foco novamente no cancro que é a pandemia silenciosa. En segundo lugar, Ourense é a segunda provincia española máis envellecida, o que implica poñer no centro nesta enfermidade, pero tendo en conta a fisonomía e atomización desta zona.

E, finalmente, porque hai case 4.000 socios na provincia e cremos que a AECC ten moita presenza. Está cuantificado que de aquí a 2030 unha de cada dúas persoas sufrirá un cancro, é dicir, o 50% da poboación, por iso debemos chegar a ese ano cun índice de supervivencia moito máis elevado, e para iso é preciso informar, incrementar voluntariado, recursos e investigación, e que iso chegue de forma equitativa a todas as provincias. Nós pelexaremos por Ourense, temos que traballar moitísimo co noso coñecemento a nivel de xestión e de xunta provincial para intentar limar as ineficiencias e para aportar o que poidamos á sanidade pública.

Texto: Ángeles Rodríguez.
Fotos: Asociación Española contra o Cancro en Ourense.

Artigos relacionados

Back to top button