CulturaCulturaGalerías de fotosÚltima hora

Godellos valdeorreses na preestrea en París do filme de Ignacio Vilar, Sicixia

O cinema e a gastronomía galegos déronse a man no acto celebrado no Cine Majéstic-Passy

O Cine Majestic-Passy situado no 16ème arrondissement de París (Francia) acollía na tarde-noite do 7 de novembro, a preestrea do filme de Ignacio Vilar, Sicixia – Paseo polo amor e a Costa da Morte (Vía Láctea Filmes, TVG), un evento que combinou cinema e gastronomía ao que asistiron máis de 300 persoas.

Ás 20:30 horas o director, Ignacio Vilar e os protagonistas, a actriz Marta Lado e o actor Monti Castiñeiras presentaron o filme acompañados por Laura Fernández (Vía Láctea Filmes) e Laura del Sol, actriz e presidenta de Espagnolas en París (asociación adicada á promoción do cinema español na capital francesa). A proxección tiña lugar na Sala 1 do cinema e tralo pase, o equipo da fita respondeu as preguntas dun público “que recoñeceu sentirse totalmente abraiado. Os sons, o descubrimento da Costa da Morte ou o amor foron algúns dos temas abordados”, explican dende Vía Láctea Filmes.

Os chefs galegos Iván Domínguez (estrela Michelín, Grupo Amicalia, Grupo Nove, Coruña Cociña), Javier Rey (Grupo Amicalia), Miguel Silvarredonda e Tino Otero (Porto-Muíños) foron os encargados de poñer o broche ao acto cunha “Degustación do Mar da Costa da Morte” ofrecida por GALP Costa Sostible (representado por Manuela Oviedo), Vía Láctea Filmes e Porto-Muíños na que os asistentes tamén tiveron ocasión de degustar unha coidada selección de viños godello e mencía da D.O. Valdeorras (Telmo Rodríguez, Rafael Palacios, A Coroa, Viña Valdeiga e B. Carballal).

Sicixia estrearase nos cines o venres 25 de novembro.

Artigos relacionados

Back to top button