EconomíaEconomíaGalerías de fotosÚltima horaViticultura

Godeval festexa o seu 30 aniversario en Xagoaza

Unhas 130 persoas participaban nesta celebración nos xardíns da adega cunha degustación de viños, pinchos, cócteis e música

Ao pé dos seus viñedos, e entre a actual bodega e o Mosteiro de Xagoaza (sede das súas iniciais instalacións), a adega barquense Godeval festexaba os seus trinta anos de traxectoria. Unhas 130 persoas participaban nesta celebración que comezaba a partires das sete da tarde e na que se lembraba de xeito especial a figura de Horacio Fernández Presa, gran impulsor da recuperación da variedade godello e tamén socio fundador desta adega.

Comezábase cunha degustación dos viños Godeval e Godeval Cepas Vellas (amparados pola Denominación de Orixe Valdeorras), maridados cunha ducia de pinchos diferentes, elaborados polo cociñeiro barquense Víctor Fernández. Ao redor das oito e media da tarde, Honorato López Isla, un dos socios de Godeval, tomaba a palabra. Na súa intervención facía un repaso da relación entre o viñedo e a comarca da Valdeorras, partindo dende a época romana, na que “se levaron o ouro das nosas viñas, pero deixáronnos a vide”. Tamén se refería á etapa medieval, logo á chegada da filoxera e ao xeito no que se combatía, para logo facer unha parada nos anos 70, “unha década moi importante para o noso país, pero tamén dende o punto de vista do viño en Valdeorras xa que xurde a idea de que hai que abandonar esas políticas dun viño común, vulgar e tratar de buscar un viño de calidade que puidera competir nos mercados, non só nacionais, senón internacionais”.

Nese momento identificábase á godello como a uva autóctona para o branco. E nese contexto, López Isla, lembraba a súa relación con Horacio Fernández Presa e a xénese do proxecto do que hoxe é Godeval. “Empezamos moi pouco a pouco, quixemos sempre apoiar a idea de ter un viño de calidade, que fora tamén un exemplo e que puidera competir en calquera parte do mundo”. Asemade tiña unha lembranza especial para Fernández Presa e un recoñecemento a José Luis Bartolomé, “que apoiou estas ideas e estivo presente nas mesmas”, así como a todos os adegueiros que continuaron por esa senda.

De seguido, os asistentes desfrutaban da coctelería de Diego Mosquera, vicepresdiente da Asociación Galega de Barman (Agaba), que elaboraba tres tipos diferentes de combinados cos augardentes e licores desta adega. A partires das once da noite a velada animábase cun concerto da cantante galega Uxía Senlle, acompañada á guitarra polo brasileiro Sérgio Tannus.

Fotos: Ángeles Rodríguez/ Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button