PolíticaÚltima hora

Gonzalo Caballero avoga en Ourense “por unha saída conxunta da crise”

O secretario xeral do PSdeG amosábase “moi preocupado” polos datos do Instituto Nacional de Estatística (INE) que "amosan un incremento do risco de pobreza e de exclusión, e que superan o risco existente na media de España

Publicidade
Gonzalo Caballero, na súa visita a Ourense./ Cedida.

 

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero visitaba este venres a cidade de Ourense, onde se amosaba “moi preocupado” polos datos do Instituto Nacional de Estatística (INE) que “amosan un incremento do risco de pobreza e de exclusión, e que superan o risco existente na media de España”.

Para o líder dos socialistas galegos “estes datos fánnos acender todas as alarmas”, dicía en compañía do secretario provincial socialista, Rafael Rodríguez Villarino, dos deputados Juan Carlos Francisco, Carmen Rodríguez Dacosta e Uxía Tizón e concelleiros e concelleiras do PSdeG.

O INE reflicte “niveis de risco de pobreza que non existían dende hai 13 anos”, aseguraba Caballero, polo que cómpre que a Xunta leve adiante “un gran plan de rescate da cidadanía con dificultades. Queremos unha saída conxunta da crise, sen que ninguén quede atrás”, apostilou.

Nunha comunidade galega con rentas, salarios e pensións medias máis baixas que no conxunto do Estado, indicou o dirixente socialista, “Feijóo non pode seguir de brazos caídos” ante este repunte da pobreza. “As competencias de política social están no goberno galego, e ten que poñer toda a capacidade financeira para loitar contra a desigualdade e a exclusión”, apuntou.

“Máxime”, proseguiu, “cando a Xunta ten máis fondos que nunca”, incidiu, logo de recordar que o goberno de España transferiu a Galicia máis de 1.100 millóns de euros extraordinarios neste ano para facer fronte ás consecuencias da pandemia. Ademais, sacou a colación “os 115 millóns de euros que Feijóo tivo no colchón durante seis meses, sen darlles destino”.

Do mesmo xeito, Gonzalo Caballero reprobou que o PP rexeitara no Parlamento a proposta socialista para poñer en marcha un plan de loita contra a pobreza, especificamente no caso da pobreza infantil; así como medidas para xerar postos de traballo e fortalecer os servizos públicos.

“A Xunta ten que apostar pola política social, por crear emprego, por favorecer o acceso á vivenda e por mellorar os servizos públicos”, subliñou antes de volver reclamar un plan de emprego xuvenil que, con 10 millóns de euros, poida dar oportunidades a 3.000 mozos e mozas.

“Nós seguiremos na liña propositiva fronte a un goberno galego que carece de empatía, de sensibilidade e de capacidade de xestión para axudar aos galegos e ás galegas que atravesan dificultades”, asegurou, porque “Galicia merece algo máis”.

Situación de Ourense

Ademais, o líder socialista manifestou a súa preocupación polo “esperpento” que existe na política municipal de Ourense e “que ten que explicar o PP”

Pola súa banda, o secretario provincial do PSdeG en Ourense, Rafael Rodríguez Villarino, criticou “a reedición do pacto da vergoña” entre Jácome e o PP e advertiu de que non abrangue só o que queda de mandato, senón tamén o vindeiro.

Artigos relacionados

Back to top button