PolíticaÚltima hora

Gonzalo Caballero defende en Verín o valor dos hospitais comarcais e da Atención Primaria

"Un sistema sanitario público reforzado será o único que dará seguridade na reconstrución económica ante calquera rebrote da pandemia", engadía o candidato socialista

 

A sanidade pública será “a bandeira de referencia do goberno progresista que saia das próximas eleccións autonómicas do 12X”. Asegúrabao o secretario xeral do PSdeG e candidato á presidencia da Xunta, Gonzalo Caballero, logo de visitar esta mañá o Hospital de Verín, acompañado polo alcalde deste municipio, Gerardo Seoane; polos candidatos Marina Ortega e Juan Carlos Francisco, e por responsables públicos e orgánicos dos socialistas galegos.

Caballero quixo reafirmar a súa aposta pola “sanidade pública, universal e gratuíta precisamente fronte ao Hospital de Verín, como símbolo da resistencia social fronte aos recortes de Feijóo”. Neste senso lembraba como mobilización social freou as pretensións de Feijóo de suprimir o paridoiro da localidade meses atrás.

O candidato do PSdeG destacaba que fronte ao modelo do PP, centrado en “esgotar e facer agónica á sanidade pública”, os socialistas galegos “defendemos unha atención sanitaria máis necesaria ca nunca” logo da crise do coronavirus. “Un sistema sanitario público reforzado será o único que dará seguridade na reconstrución económica ante calquera rebrote da pandemia”, engadía.

Gonzalo Caballero apostaba ade,aos por “reconstruír e rearmar á sanidade pública fronte aos desgastes, recortes e privatizacións do PP”. E explicou que a sanidade pública “resistiu a pandemia grazas a que o confinamento decretado polo Goberno impediu que o virus circulara por Galicia, onde afectou apenas a entre o 1 e o 2 por cento da poboación. Xustamente agora temos que reforzar o compromiso coa sanidade pública para saír da crise”.

Por iso, o máximo responsable do PSdeG comprometeu que un goberno progresista na Xunta dará “estabilidade” aos profesionais sanitarios, eliminará “os riscos da descapitalización da sanidade co PP” e apostará pola Atención Primaria, polo mantemento de servizos nos hospitais comarcais. Ademais, engadiu, deseñará un Plan de Saúde Mental.

Gonzalo Caballero puxo ao goberno de Pérez Touriño como exemplo de xestión sanitaria, que converteu o Hospital de Verín, daquela unha Fundación Hospitalaria, nun centro público. Así o fixo grazas ao compromiso dun goberno progresista que encargou a xestión da sanidade á conselleira María José Rubio, quen hoxe integra o Comité de Expertos en sanidade do PSdeG xunto con outros 50 expertos.

 

Gonzalo Caballero, na súa visita a Verín esta mañá./ Foto cedida.

 

Residencias de maiores e coronavirus

Na súa intervención en Verín, Gonzalo Caballero esixiu a Feijóo que dea explicacións no Parlamento do protocolo da Xunta coñecido hoxe que lle negaba o traslado aos hospitais aos maiores aloxados en residencias en situación de dependencia severa e grande dependencia afectados polo Covid. Advertiu que se trata dunha situación “da máxima gravidade” que obriga a unha explicación “ás familias dos falecidos, dos afectados e a toda Galicia”.

O responsable socialista cuestionou a xestión do goberno galego con relación ao Covid “onde tiña as competencias, como eran os profesionais sanitarios e as residencias de maiores, precisamente os principais focos de contaxios. Agora coñecemos a existencia destes protocolos para limitarlle a asistencia aos maiores afectados, obrigados a permanecer sen atención hospitalaria”.

Gonzalo Caballero reclamou unha “explicación detallada do que aconteceu”, unha situación coa suficiente gravidade como para que o presidente da Xunta dea conta “con claridade e transparencia” de “que protocolos aplicaron e por que non lle deron atención hospitalaria a tódolos maiores ingresados nas residencias”.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button